CRTVG

Buscar

Denuncian vandalismo e botellón nun colexio no barrio coruñés de Monte Alto

Publicado o 12/03/2019 13:59

Estas imaxes reflicten o estado en que esta fin de semana quedou o patio e parte do traballo do alumnado do CEIP Sanjurjo de Carricarte da Coruña despois de que un grupo de persoas accederan ao centro saltando un valado para facer botellón.

"Cando chegou o servizo de madrugadores cos nenos a primeira hora da maña tiñan o que é patio cheo de restos de botellas, cristais, papeis, cabichas, estragos, plantas rotas, o espantallo que temos na horta decapitado e todo feito un desastre", di Sandra Rodríguez, secretaria da Anpa.

"Eu penso que é vandalismo, veñen a esta zona que é máis recollida e aproveitan que non hai vixilancia para facer o botellón e cando xa están aquí un pouquiño prexudicados pois veñen os estragos", di Manuel Fernández, profesor de Educación Física.

A comunidade escolar non está en contra de que a xente do barrio poida gozar das zonas exteriores do centro sempre e cando respecten as instalacións e non se repitan os roubos de anos pasados.

"O que nos gustaría sería poder abrir as instalacións á veciñanza para que poidan entrar librtemente, estar e poidan estar pero con sentidiño, sen causar estragos", di Sandra Rodríguez, secretaria da Anpa.

"Hai dous anos atacáronnos o centro e levaron 20 equipos portátiles, que para nós é un roubo moi importante e outros anos xa tiveramos outros roubos de certa importancia", di Manuel Fernández, profesor de Educación Física.

Aseguran desde a ANPA que non queren adoptar medidas represivas nin ameazantes, se ben consideran que de abrir o centro para uso e desfrute de todo o barrio se precisaría unha maior vixilancia para evitar danos nas instalacións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/03/2019