CRTVG

Buscar

Denuncian unha vertedura no río Gafos ao seu paso por Pontevedra

Publicado o 19/04/2019 14:00

Tres días despois de ser declarado oficialmente "Espazo Natural de Interese Local", o río Gafos toldouse de branco por un vertido. Aínda que serán os técnicos os que determinen a procedencia dos residuos, os ecoloxistas que denunciaron a situación atribúenos ás obras da A-57.

Estas son as fotos coas que a asociación ecoloxista Vaipolorío denuncia unha nova vertedura no río Gafos. Avisouno un grupo de ecoloxistas que paseaba pola zona onde o río Gafos recibe as augas do seu afluente o río Pintos. É este último o que, segundo denuncian, arrastraba a vertedura, polo que sospeitan que procede das obras da autovía A-57, como xa ocorreu noutras ocasións.

 "Sospeitamos das obras da autovía porque hai un movemento de terras moi grande porque colle todo o monte da Fracha e cando vén a chuvia... Ademais, ao ser onte día festivo, non creo que houbera moita actividade no Campiño, como para que viñera de alí. Pero, xa digo, iso terán que definilo os técnicos", explica Ramón López, membro da directiva da asociación Vaipolorío.

Hoxe, o río xa vai limpo, para goce dos sendeiristas e peregrinos que, a cotío, percorren este treito da ruta portuguesa do Camiño de Santiago. O que máis lamentan desde a asociación Vaipolorío é que a vertedura se producira xusto aos tres días de ser declarado o río Gafos "Espazo Natural de Interese Local", como publicou o DOG o luns pasado.

"É un recoñecemento grande ao labor que a asociación leva 20 anos facendo e que o Concello se preocupou de facer a solicitude. É o primeiro río de Galicia e, para nós, é un orgullo", di López.

Aclaran que, desde que o concello realizou as obras de saneamento, non se tiñan detectado verteduras e confían en que o de onte fose un episodio puntual. Puxeron o caso en coñecemento do 112, que enviou técnicos a recoller mostras.

Noticias web

19/04/2019