Denuncian un bus urbano da cidade de Murcia, ateigado de pasaxeiros
Así viaxaban este luns os pasaxeiros deste autobús urbano da cidade de Murcia. Era o primeiro día da fase un da volta á normalidade. A pesar das restricións impostas no transporte público, ningunha das limitacións se cumprían neste caso.
O que esixe a normativa que regula a desescalada é que os autobuses deben ter unha ocupación máxima da metade da súa capacidade e que non pode haber máis de dous pasaxeiros por metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé.
O autobús cobre unha liña moi frecuentada que conecta o hospital máis grande da comunidade cun dos barrios máis importantes da capital murciana.
O Goberno autonómico asegura que o sucedido neste autobús é un caso puntual e que a partir de hoxe se van aumentar as frecuencias desta liña.