CRTVG

Buscar

Denuncian plantacións ilegais de eucalipto en cen hectáreas da Terra Chá e Lugo

Publicado o 20/05/2021 10:34
Denuncian plantacións ilegais de eucalipto en cen hectáreas da Terra Chá e Lugo

A Asociación Terra Chá Sostible presentou ante a Xefatura Territorial de Medio Rural dúas denuncias por supostas “plantacións ilegais de eucalipto” en “terras agrarias e praderías da comarca da Terra Chá”, unha das zonas con maior produción láctea de Galicia e de Lugo.

As denuncias presentadas por este colectivo fan referencia a máis de 64 parcelas, que suman unhas 100 hectáreas de terreo nos municipios de Begonte, Outeiro de Rei, Lugo, Castro de Rei e Friol.

Nun comunicado, o colectivo censura “a falta de control por parte da Administración” para evitar “plantacións ilegais en terras agrarias”, o cal disparou na comarca a proliferación desta “especie exótica invasora”.

Asegura que “a situación estalles a causar un problema de escaseza de terras” ás explotacións gandeiras, que precisan base territorial para manter a súa actividade, “subindo o prezo e facendo que as parcelas existentes sufran unha excesiva intensificación, con uso excesivo de pesticidas e produtos químicos”. Segundo o colectivo, esas prácticas tamén terminan por “contaminar os acuíferos”.

Ademais, lamenta o “paradoxo” que se está a producir: pínchanse bosques de especies autóctonas para convertelos en terras agrarias e, ao mesmo temo, plántanse eucaliptos en superficies útiles de cultivo.

Noticias web

20/05/2021