CRTVG

Buscar

Denuncian o risco de derrubamento da súa vivenda na parroquia viguesa de Valadares

Publicado o 11/05/2021 13:29

Dende o ano 2013, unha familia vén denunciando a situación en que está a súa vivenda na parroquia viguesa de Valadares, por mor da mala canalización das augas pluviais. En tempos puxeron unha tubaxe para arranxar o problema, pero a deterioración da mesma fai que a auga estea mesmo movendo os cimentos da casa.

Segundo Leticia Figueroa, "cando chove, como estamos en pendente, vén toda a auga das casas e da estrada que está mais arriba da nosa casa, e tamén do torreiro onde se celebra a festa, que por alí filtra un montón de auga. Entón, claro, cae auga, pedras o que colla polo camiño".

Danos no interior que poñen en risco a estabilidade da vivenda, pero tamén no exterior. Conta Leticia: "Cando chove moito tamén vén toda a auga polo portal, acaba aquí, e todo isto queda anegado coa auga, e fai buracos, porque a auga ten que coarse por algún sitio. E logo nesa zona, onde está toda esa terra é onde está o tubo. Temos que encher todos anos con terra para que non poidas coarte cun pé ou algo, porque fan enormes buracos". 

O fillo de catro anos ten prohibido achegarse ás zonas máis perigosas da casa, polo risco de derrubamento que hai. "Pode caer a casa e tamén o muro que contén a estrada, porque o meu muro, por onde veñen todas esas augas, contén a estrada. Pode haber unha desgraza, alguén paseando por alí no momento que cae o muro, ou que poidan caer coches ou autobuses, que por aquí pasan os autobuse escolares", relata a nai.

As denuncias ante o Concello e a Policía non teñen resposta, e o único que piden estes veciños de Vigo é que se canalicen as augas pluviais a través da vía pública para que non asolaguen a súa vivenda e evitar unha desgraza.

Noticias web

11/05/2021