CRTVG

Buscar

Denuncian o estado de abandono do parque de San Roque, en Ribeira

Publicado o 22/06/2020 14:32

O bar leva tempo sen actividade, desde que deixou a concesión o último adxudicatario. Sen vixilancia e nun lugar apartado, converteuse en branco fácil para os vándalos. Forzaron unha das persianas metálicas e a porta de entrada e no interior causaron numerosos estragos. E así segue.

Tampouco se salvou da acción dos vándalos esta reprodución dun dolmen que preside o miradoiro do parque. Recentemente, alguén deixou a súa impronta incívica en forma de pintadas no interior.

Din os que adoitan correr pola zona, como este veciño que atopamos esta mañá, que é habitual tamén atopar restos de botellón, porque moitos mozos adoitan reunirse neste parque para facer as suas festas e non recollen o lixo. Ás veces son os propios deportistas os que o retiran.

Pero non só a acción dos vándalos deixa pegada no parque de San Roque. A falta de mantemento é evidente. Hai 3 réplicas de vivendas castrexas que perderon parte do tellado de palla e así seguen. Outro síntoma do desleixo é a herba e a maleza que medran e invaden os sendeiros e mesmo unha árbore caída a causa dalgún temporal segue esperando que alguén a retire.

Noticias web

22/06/2020