CRTVG

Buscar

Denuncian o condutor dun patinete en Vigo que circulaba ebrio e saltou un semáforo

Publicado o 13/01/2020 17:33
Denuncian o condutor dun patinete en Vigo que circulaba ebrio e saltou un semáforo

Axentes da Policía Local de Vigo formularon denuncia contra un veciño da cidade, I.E.C., de 23 anos de idade, por circular nun patinete baixo os efectos do alcol. Segundo informaron fontes policiais, este mozo sufriu un accidente cando conducía ese patinete porque, segundo todos os indicios, invadiu o cruzamento da rúa Pi e Margall con Menéndez Pelayo, saltando un semáforo. Ao invadir o cruzamento, o usuario do patinete foi golpeado por un turismo que pasaba co semáforo en verde.

O condutor do patín resultou ferido e foi atendido por sanitarios no lugar do accidente, aínda que non necesitou ser trasladado. Ao entrevistarse con el, os axentes comprobaron que presentaba "claros síntomas" de atoparse baixo os efectos do alcol, polo que o someteron a proba pertinente, que deu resultado positivo e con relevancia penal (0,70 e 0,74 mg/l). Así, tramitouse unha denuncia por un delito contra a seguridade viaria. Ademais, a Policía comprobou que o mozo perdera a vixencia do seu carné de conducir.

Doutra banda, a Policía Local de Vigo tamén informou da denuncia contra outra usuaria dun patinete, L.S.C., veciña da cidade e de 23 anos de idade, por unha infracción do regulamento de circulación. A moza foi sorprendida por unha dotación policial na mañá do sábado na zona de Torrecedeira, cando circulaba polo medio da beirarrúa a "elevada velocidade".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí