CRTVG

Buscar

Denuncian o abandono da praza de España de Vigo tras o peche do hospital xeral

Publicado o 06/12/2018 12:23

Tres anos despois do peche do hospital xeral de Vigo, a súa contorna segue en constante degradación. Malia ser unha das zonas máis céntricas e transitadas de Vigo, o seu aspecto é de total abandono. Predios ermos desde hai trinta anos, ocupas e beirarrúas rotas son algunhas das cousas que máis critican os veciños.

Malia estar no centro de Vigo e ser unha praza das máis carismáticas e coñecidas da cidade, principal entrada á urbe, a praza de España e a súa contorna están en constante degradación desde hai trinta anos. A estocada final foi o peche do hospital xeral de Vigo, verdadeiro motor do barrio. Trinta negocios pecharon e outros perderon o 70% do seus ingresos, como o de Rosa Vello.

Na zona hai predios coma este baleiros desde hai trinta anos, edificios ocupados, beirarrúas rotas, e vellos edificios abandonados. Os veciños non entenden como se deixou morrer unha zona da cidade tan céntrica e transitada.

A única esperanza para o barrio é a construción da cidade da xustiza no edificio do vello hospital, pero non atraerá nin tanta xente nin tanto poder adquisitivo como o hospital.

Ademais dos famosísimos e replicados cabalos de Oliveira, na zona tamén está o pazo de San Roque e as ruínas do pazo Davila.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018