CRTVG

Buscar

Denuncian intimidacións e agresións no centro de Lugo

Publicado o 07/10/2020 20:55

Este é o momento en que un individuo forcexa cun traballador do Círculos das Artes, en Lugo. Aconteceu na entrada do edificio situado no centro da cidade. Tras tentar acceder pola forza ás intalacións, o mozo comezou a romper o mobiliario. Non estaba só, ía acompañado por varios mozos que ían encapuchados.

"Unha persoa enfurecida comezou a golpear o mobiliario e mesmo rompeu os elementos de mármore da entrada e houbo un forcexo cun dos traballadores ao que lle causaron unha lesión nun pulso", sinala Margarita López, membro da directiva do Círculo das Artes.

Moi preto de aquí rexistrábase nas últimas horas outra agresión. Un pai que defendía o seu fillo dun grupo de mozos que o estaban a intimidar foi golpeado, supostamente cun puño americano, e precisou atención médica.

"Parece ser que houbo algún tipo de discusión entre rapaces na rúa Clérigos. Ao saber disto, o pai dun dos rapaces, chamoulles a atención. Froito desa conversa, agredido polos mesmos rapaces que se meteran co seu fillo", indica Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo.

Veciños e comerciantes denuncian que hai grupos de mozos, entre eles menores de idade, que a diario acurralan e intimidan os viandantes e tamén se rexistran a miúdo pelexas e agresións.

"Agora mesmo non está garantida a seguridade da xente porque hai extorsións a menores a diario, hai puñaladas, pelexas, roubos, e isto non se pode permitir", sinala Margarita López, membro da directiva do Círculo das Artes.

Os presuntos agresores destas últimas leas xa foron identificados pola policía.

Noticias web

07/10/2020