CRTVG

Buscar

Denuncian incumprimentos de seguridade e horarios en bares de Lugo durante as noites da fin de semana

Publicado o 22/06/2020 20:30

Cos pubs e discotecas pechados e sen data de reapertura confirmada, os amantes do ocio nocturno na cidade de Lugo optan por pasar as noites da fin de semana en bares e cafeterías. O caso é que eses establecementos só poden abrir como moito ata as 2.30 da madrugada e non o están a cumprir. Por iso, a asociación de hostaleiros advirte que isto pode traer un triplo problema: económico, de orde pública e sanitario."

Esta fin de semana víronse en Lugo moreas de xente nas terrazas e ás portas de bares e cafeterías a moi altas horas da madrugada e sen respectar as distancias de seguridade nin usar máscaras.

Algúns establecementos parecen ter présa por recuperar o tempo perdido durante o confinamento para facer caixa canto antes sen ser conscientes do perigo que supón saltar os horarios permitidos.

A asociación de hostalería pide que se respecten todas as normativas para evitar perder todo o avanzado ata agora.

"Unha marea de xente sen ningún tipo de protección, nin distancias nin nada de nada. Co problema de saúde e de molestias para os veciños que isto supón."

A asociación pide tamén que poidan abrir canto antes pubs e discotecas xa que, aseguran, están perfectamente equipados para evitar riscos sanitarios e de orde e ademais servirían para descargar de clientes os bares e cafeterías. Os donos dos locais nocturnos xa comunicaron o seu malestar pola permisividade cos horarios na cidade.

"Son os establecementos mellor preparados. Con vixilancia nas portas, control de acceso e medidas sanitarias. E, porén, permítese saltar os horarios a outros locais que non están preparados nin autorizados."

Os hostaleiros cren que a solución pasa por apelar á responsabilixdade dos locais que non respectan os horarios e, se é preciso, intensificar os controis.

Noticias web

22/06/2020