CRTVG

Buscar

Denuncian importantes danos nun castro de Alfoz por unha plantación de eucaliptos

Publicado o 28/06/2021 10:43

A asociación ecoloxista Adega e o colectivo Mariña Patrimonio presentaron denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural polos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do castro da Croa de Montoxo, no municipio lucense de Alfoz, durante os traballos forestais realizados na zona para a curta e replantación de eucaliptos.

Segundo informan ambas as dúas asociacións mediante un comunicado, ao visitar o xacemento comprobaron a apertura de novas pistas para facilitar o paso da maquinaria e a retirada da madeira cortada, actuacións que afectaron "gravemente os parapetos e os fosos defensivos en varios puntos".

Ademais, denuncian a escavación de "centos de buracos cunha pa mecánica para a plantación de novos eucaliptos". "En moitos deses furados poden apreciarse mesmo pedras das antigas construcións do castro, así como numerosos restos cerámicos da Idade de Ferro".

Os colectivos tamén aseguran que "na zona máis elevada do xacemento chama poderosamente a atención a gran cantidade de fragmento de tella medieval que aparece nos buracos abertos pola escavadora". Desde o seu punto de vista, estamos "ante un auténtico atentado contra o patrimonio cultural de Galicia".

Culpan desta situación a propia Administración autonómica, porque está a dar permisos de intervención, malia que no Catálogo de Patrimonio Cultural existen erros, "tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos".

Noticias web

28/06/2021