CRTVG

Buscar

Denuncian ataques de cans a persoas e animais en Carballedo

Publicado o 23/03/2021 14:11

Catro cans mortos nos últimos meses, vacas que escapan das leiras ao sentilos e veciños que non queren saír da casa por medo a seren atacados. É o resultado da presenza de oito cans de gran tamaño que adoitan pasear ceibos e sen medidas de seguridade polo lugar de Vilaguillulfe, en Carballedo.

No último ataque mataron unha pequena cadela e tiraron o chan a súa dona. A muller precisou atención médica logo de sufrir un episodio de ansiedade.

Os cans levan varios anos vivindo no lugar, pero nos últimos tempos amósanse cada vez máis conflitivos. Os veciños pedíronlle ao propietario en numerosas ocasións que lles poña un bozo, que os leve con correa ou que non os saque a todos xuntos, pero o home non lles fixo ningún caso. Malia que se presentaron diferentes denuncias, non se logrou ningún cambio.

Hai uns meses os cans atacaron un rabaño de vacas nunha parroquia lindeira e espantaron un grupo de turistas que visitaban o carballo centenario de Cartelos.

Noticias web

23/03/2021