CRTVG

Buscar

Denuncian a presenza de lixo e maleza na contorna da Torre de Hércules

Publicado o 16/07/2019 15:24

Os usuarios e os veciños que veñen habitualmente por esta praia das Lapas, aos pés da Torre de Hércules, son os que máis se queixan do mal estado de conservación da contorna do bimilenario faro. Nesta zona hai un merendeiro no que se chega a amorear moito lixo, xa que as papeleiras non dan abasto, sobre todo nas fins de semana do verán.

"Da praia das Lapas que hai bastantes bancos rotos, o lixo non o recollen, acaban de poñer os baños e os asesos". "Vas por todos os sitios, as papeleiras a tope, non hai xente traballando para que recolla o lixo, que pasa, non pagamos impostos?, os impostos si os pagamos, e cóbranos ben. Así que eu creo que había que esforzarse un pouquiño e ter isto un pouco máis coidado, porque son as doce da mañá e todo sen recoller".

Nesta zona das Lapas, unha das estatuas está en moi mal estado, cunha fenda importante, e hai algún banco roto.

"E que é verdade, por exemplo, o banco que hai baixando á dereita está roto desde o principio e segue igual. É un banco de madeira que non creo que sexa tan difícil de repoñelo".

Con todo, tamén hai quen pensa que a contorna da Torre está ben conservada, aínda que cre que sempre hai cousas que mellorar.

"Eu penso que está bastante ben, mellorou moito nos últimos anos, quizais algunha cousa que pode ser mellorable. Agora mesmo, non sei dicirche moi ben en que sentido se podería facer algo".

"Paréceme bastante ben, pero penso que se pode mellorar aínda. Para min penso que se pode mellorar, sobre todo en limpeza e todo iso".

A limpeza é o que máis preocupa aos veciños. Algún mesmo opina que para acabar con este problema sería necesario que empezaran a sancionar.

"Pois que empecen a multar, porque levan tantos anos avisando na xente, pero a xente avisando non vai, que empecen a multar, verás como para outro día hai xente limpa. Iso si que me parece deprimente ao redor da Torre que se tira un paquete de tabaco ou unha lata de cervexa e non vai desaparecer en tempo de aí".

O pasado día 27 de xuño, a Torre de Hércules fixo o seu décimo aniversario como Patrimonio da Humanidade.

Noticias web

16/07/2019