CRTVG

Buscar

Denuncian a existencia dun vertedoiro incontrolado en Antas de Ulla

Publicado o 07/01/2020 13:40

Plásticos agrícolas, papel e cartón, mobles vellos e mesmo electrodomésticos véñense depositando neste vertedoiro incontrolado de Vilane, en Antas de Ulla. Segundo denuncian os veciños, aínda que o lixo se acumula nun terreo de propiedade municipal, o lugar non está acondicionado para albergar este tipo de residuos.

"Aí hai de todo. Menos limpeza, hai de todo. E é unha pena, que estean os sitios así, abandonados e moi mal". "Eu véxoo fatal. O que ten que tirar algo, pois que o leve a onde o ten que levar, e non deixalo como o deixan". "É un vertedoiro ilegal. Aquí trae todo o mundo o que quere, e o Concello recolle e tamén o trae aquí. Veñen cartóns, plásticos agrícolas, electrodomésticos e todo, e ninguén se ocupa de limpalo ou controlalo".

O vertedoiro ilegal encóntrase moi preto dunha gasolineira, co risco que implica en caso de incendio. Reclaman, por tanto, que se retire o lixo e que se cree un punto limpo.

"Recollelo e non telo así como está. Dá moi mal exemplo". "Temos que desprazarnos de aquí, porque aquí non temos nada. A xente bota televisións ou neveiras, todo tirado aí polo medio. Para min sería importante aquí un punto limpo". "Aquí faría falta, evidentemente, un punto limpo, un sitio onde os residuos se controlasen, se coidasen e se recollesen para o seu tratamento. Esta é unha desconsideración coa poboación, que se preocupa de separar e de recoller os residuos e logo ve que se acumula todo por parte do Concello".

A falta dun punto limpo, os veciños de Antas teñen que desprazarse ata Monterroso para depositar de maneira legal residuos coma mobles ou electrodomésticos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/01/2020