Denunciados os asistentes a unha festa nun piso de Lugo
Ata en dúas ocasións tivo que acudir a Policía Local de Lugo a unha festa nun piso do Sagrado Corazón. Varios veciños chamaran para queixarse de que non podían durmir a causa do ruído, polo que unha patrulla se presentou no lugar e identificou o responsable do piso, que se comprometeu a deixar de provocar molestias.
Así e todo, pouco despois chamaron de novo, polo que os axentes tiveron que volver. Daquela identificaron os presentes e comprobaron que tres deles non eran conviventes, polo que foron denunciados.
"Había cinco ou seis persoas e tivo que vir a policía por un aviso veciñal porque se oía moito ruído. Unha multa a todos, que non levaban as máscaras e estaban facendo botellón", comenta un veciño.
A policía propuxo unha sanción de 500 euros para cada un dos infractores. Ademais, denunciaron o responsable da vivenda polos ruídos e polas molestias causadas. Segundo os veciños do barrio, non foi a única xuntanza á que tiveron que acudir os gardas.
Nos últimos días, a Policía Local de Lugo denunciou en total unha trintena de infraccións á Lei de saúde de Galicia. Por xuntarse con non conviventes, saltar o toque de recollida ou non respectar o peche perimetral. Os infractores afrontan tamén multas de 500 euros.