Denuncian un home por furtivismo e agresión aos gardas de Cabo de Cruz
Novo incidente na praia do Chazo, en Cabo de Cruz, entre un furtivo e os gardas rurais da zona. O home foi descuberto mentres mariscaba ilegalmente sen autorización. Cando lle chamaron a atención, enfrontouse aos vixilantes. Houbo máis que palabras.
Trátase dun reincidente que, tras ser invitado a abandonar a zona, se enfronta aos axentes con golpes e ameazas contra eles a as súas familias.
Malia saber que estaba a ser gravado, o furtivo desafiou os gardas rurais en varias ocasións mentres fotografaban e custodiaban o bivalvo decomisado. Foi nese momento cando os agrediu, houbo un forcexo e víronse obrigados a reducilo ao tempo que requirían a presenza da Garda Civil.
Os enfrontamentos cos furtivos non son algo novo en Cabo de Cruz nin para os gardas rurais ni para os mariscadores. Tras entregar o furtivo aos axentes da Garda Civil, os membros da Garda Rural presentaron con el unha denuncia por agresión. Enfróntase a unha multa que podería ir desde os 150 ata os 30.000 euros.