CRTVG

Buscar

Denunciadas 14 persoas en Huelva por festexar nun barco incumprindo o confinamento

Publicado o 23/04/2020 14:51

Quince persoas foron denunciadas en Andalucía pola Garda Civil por saltar o confinamento para celebrar unha festa a bordo dun barco ou facer pesca submarina. En Burgos, o denunciado foi un garda rural que transportaba unha importante cantidade de cogomelos, actividade para a que non tiña licenza.

O fume que desprendía a grella onde asaban a carne delatou este grupo que festexaba nun pesqueiro amarrado ao porto onubense de Isla Cristina. Catorce persoas foron identificadas pola Garda Civil e denunciadas por incumprir o confinamento establecido no decreto de estado de alarma polo coronavirus.

Na provincia de Málaga, outros axentes do mesmo corpo identificaron un home que facía pesca submarina, saltando o confinamento. O home carecía de licenza para practicar esta modalidade de pesca, o que lle valeu unha segunda denuncia. Por carecer de permiso para recoller cogomelos e incumprir a limitación de movementos, foi denunciado un garda rural na provincia de Burgos.

O home, de 41 anos, foi identificado grazas a imaxes difundidas nas redes sociais.

Noticias web

23/04/2020