Denuncia histórica contra as comisións de apertura das hipotecas
O xulgado mercantil da Coruña admitiu a trámite unha denuncia da Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia, ACOUGA, contra as comisións de apertura das hipotecas. Calculan que só en Galicia hai máis de 300 mil afectados, e de 3 a 4 millóns no coxunto de España, porque a demanda, aínda que se presentou na Coruña, vai contra 11 entidades bancarias de todo o estado.
As comisións de apertura viñan rozando o 1 % da hipoteca así que, para unha hipoteca de cen mil euros, serían mil euros o que eleva a cifra total en Galicia a, como mínimo, 300 millóns de euros. A demanda ampárase nunha manifestación do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que considera que todas as comisións teñen que responder a servizos prestados, algo que non sucedería no caso das comisións de apertura.
Con cálculos conservadores, de hipotecas de cen mil euros e comisións de apertura do 1 %, as cifras globais alcanzan cantidades milmillonarias no conxunto de España.
Xosé Antón Pérez Lema, avogado e secretario de ACOUGA, di: "Pensade que son mil euros por operación, se hai 4 ou 5 millóns de operacións potenciais, a contía chega a 4-5 mil millóns de euros".
ACOUGA, que presentou a demanda no xulgado do mercantil número 1 da Coruña, acusa 11 entidades bancarias, a practica totalidade das que operan en España, de cobrar irregularmente esas comisións que non implican ningún servizo a cambio. Ampáranse nunha manifestación do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
"As comisións pódense pagar unicamente cando correponden a un servizo real, porque o prezo do préstamos son os xuros, así que isto non forma parte do prezo", aclara Pérez Lema.
O proceso acaba de arrincar. A maioría dos bancos xa pediron que se declare incompetente para este caso o xulgado do mercantil. Así e todo, desde ACOUGA calculan que a principios do ano que vén se abrirá o prazo de 2 meses para que os interesados se poidan adherir á demanda.