CRTVG

Buscar

Denis Suárez amosa ambición no comezo da pretemporada

Publicado o 22/07/2019 17:11

Comezou a pretemporada con vitoria diante do Lugo, primeiro paso dun camiño que Denis Suárez agarda abertamente que remate en Europa.

"O segundo amistoso contra o Lille temos que gañalo tamén. A partir de aí ir gañando o máximo de partidos, e cando comece a Liga xa se irá vendo onde estamos. Temos que ter ambición e cotas altas e mirar cara a arriba se as cousas van ben, creo que temos equipo e ambición para intentar estar entre os sete primeiros", di Denis Suárez.

O de Salceda e Santi Mina son as cabezas visibles da operación retorno da canteira, que lle ten que dar continuidade á comuñón coa afección que provocou a dramática temporada pasada.

"Que veña xente da casa que estaba fóra ilusiona. Fago un chamamento á afección, espero que este ano se encha o estadio en moitos partidos e que a xente nos reciba como o ano pasado cando o estabamos pasando mal", asegura o canterián.

O equipo ten a máxima esixencia desde o inicio. O comezo ligueiro con Real Madrid, Valencia, Sevilla e Atlético nas cinco primeiras xornadas non invita á relaxación. Pero a Denis, gústalle.

"Se ao final da temporada queremos estar arriba, temos que intentar gañarlle a calquera. Eu prefiro empezar contra o Madrid na primeira xornada que collelo na 15, 16, cando xa están máis rodados".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/07/2019