CRTVG

Buscar

Denis lidera o triunfo do Celta ante o Valencia

Publicado o 25/08/2019 14:26

Tres galegos crean a situación ideal para que un uruguaio marque.

Kevin inicia a xogada pola súa banda, conduce Iago Aspas en modo centrocampista para unha boa apertura a Denis Suárez na esquerda quen coloca a pelota nun lugar onde o touro Fernández tira un xesto técnico que non se lle presuponía para marcar un dos goles da xornada.

Na semana en que se falou de canteira con exposición, reprimenda e rectificación... o uruguaio que chegou para substituír o seu compatriota tira proveito dun gran pase do de Salceda para abrirse un oco importante no corazón celeste.

Aspas tivo a súa, pero desta volta non conseguiu marcar...

O mesmo que lle sucedeu a outro retornado como Daniel Wass, que tras rematar con forza contra a portería de Rubén, o de Mos despexa e a trabe axuda a que o balón non entre, resentiuse o ferro e tamén as lumbares de Marcelino.

Guedes non tivo a súa noite cara á portería céltica e os vigueses, cun só troco no once, amosaron que os deberes da semana estaba feitos.

Con Lobotka na súa mellor versión, con Brais Méndez dándolle saída ao equipo por calquera lugar e con Aspas buscando a Gabriel Fernández, que a piques estivo de marcar o segundo. Desta volta tocou paradón de Cillessen.

O mellor que levou o Valencia foi o aplauso da bancada a Maxi Gómez.

Porque as galopadas e aceleracións de Denis engaiolaron a súa afección que pensa nun novo referente para un equipo orfo de líderes cando Aspas non está ao seu nivel óptimo de xogo e resolución.

Denis tamén puido marcar neste lanzamento que o seu ex-compañeiro Cillessen desvía a córner para desesperación de Escribá no palco.

Ou de penalti, pero tamén aí estaba Jasper Cillessen, o mellor é que o Celta levou os tres puntos e Cillessen o agarimo do seu amigo.








 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/08/2019