CRTVG

Buscar

Dende este mércores, Portugal confina o 70 por cento da súa poboación

Publicado o 03/11/2020 14:23

"A primeira media é o confinamento domiciliario. O contacto social queda restrinxido a cinco persoas...", explica unha veciña de Chaves. 

Son algunhas das novas normas que entrarán en vigor este mércores naqueles concellos de Portugal cunha incidencia acumulada de máis de 240 casos por cada 100.000 habitantes.

Nídia é veciña de Chaves, unha das localidades afectadas. Traballa na sede da Eurocidade. Aquí intentan resolver as dúbidas de todos os veciños dun lado e do outro da raia, nun territorio onde a fronteira só existe sobre o papel.

Unha convivencia xa afectada polas restricións de mobilidade de Verín e que agora sumará un novo atranco coas medidas acordadas polo Goberno luso. Os máis prexudicados, os comercios de localidades fronteirizas coma esta.

Dende este mércores, o 70 por cento da poboación de Portugal estará sometida a un confinamento cívico. As medidas contra a covid−19 na práctica volven levantar unha fronteira entre moitas localidades dun lado e do outro da raia.

Portugal roza o récord de mortes diarias, con novo pico de hospitalizados

Portugal rexistrou hoxe 45 falecidos por coronavirus nas últimas vinte e catro horas, unha menos do récord da pandemia, en tanto que marcou novo pico de hospitalizados totais (2.349) e en coidados intensivos (320).

A Dirección Xeral de Saúde (DGS) notifica no seu último boletín 2.596 novos casos; iso eleva a 149.443 o número de infeccións desde que comezou a pandemia.

Hai ademais 45 novas vítimas mortais, unha menos do récord de 46 óbitos rexistrados nun só día que se deu onte luns.

O total de decesos desde que empezaron a darse casos de coronavirus en Portugal é xa de 2.635.

Aumenta tamén a presión en hospitais, onde hai ingresados 2.349 pacientes de covid−19 (94 máis que o día anterior), dos cales 320 están en coidados intensivos (26 máis).

Noticias web

03/11/2020