CRTVG

Buscar

Demostran que persoas que superaron a covid-19 teñen defensas inmunitarias potentes e duradeiras

Publicado o 19/11/2020 14:18

As conclusións do traballo dun grupo de investigadores estadounidenses suxiren que as persoas que superan o coronavirus teñen poucas probabilidades de volver infectarse.

O estudo apunta que, oito meses despois da infección, moitos dos sobreviventes manteñen suficiente carga inmune para evitar un novo contaxio posiblemente durante anos. O estudo realizado por investigadores estadounidenses achega a estimación ata agora máis fiable sobre canto dura a inmunidade dos contaxiados por covid-19 que superan a enfermidade.

"E viron que durante todo este tempo, incluso pasados os sete meses, obsérvase unha inmunidade que é potente e parece que duradeira. Canto vai durar? Pois non o sabemos, porque a pandemia leva estes meses nada máis".

O estudo é o primeiro en analizar ao mesmo tempo os catro principais tipos de resposta inmunitaria: os anticorpos que se unen ao virus e o inutilizan, os linfocitos que fabrican estas proteínas e outros dous tipos de glóbulos brancos que destrúen as células infectadas.

Os datos recollidos entre 185 persoas de entre 19 e 81 anos permiten aos autores do estudo concluír que meses despois de enfermar manteñen no seu organismo a suficiente carga inmune para evitar un novo contaxio por covid-19, probablemente, durante anos.

"Isto xunto coa vacinación fará que ao final teñamos todo un conxunto de persoas protexidas facendo de escudo, evitando que o virus se propague".

Os resultados concordarían co observado nos sobreviventes doutras síndromes respiratorias agudas graves provocadas por outros virus que manteñen inmunidades ata 17 anos despois.

Noticias web

19/11/2020