Demandan a protectora da canceira de Ourense por cobrarlles aos donos dos cans que van recuperalos
Polémica na canceira municipal de Ourense. Algúns veciños denuncian que lles piden cartos para recuperar os seus cans desaparecidos e finalmente localizados alí, mesmo acreditando a través do chip que os animais son seus. Xa presentaron no xulgado denuncias individuais contra a protectora de animais que xestiona a canceira e agora preparan unha demanda conxunta.
Pancho tiña só tres meses cando desapareceu, conta Miguel, o seu dono, que na canceira lle dixeron que alí non estaba, e cal foi a súa sorpresa cando días despois ve que o poñen na web en adopción. Miguel acaba de presentar unha demanda contra a protectora, que xestiona a canceira, por negarse agora a devolverllo.
Estes dous cazadores perderon candaseu can nunha batida, teñen chip, pero non foi ata meses despois, aseguran, cando os avisaron de que estaban na canceira, pedíndolles cartos para devolvérllelos. Chita si que está xa na casa porque o seu dono puido pagar os 1.500 euros que, conta, lle pediron.
Esta ourensá adoptou a Karma na canceira, asegura que a cadela chegou mal coidada e con medo, e foi cando a levaron a un veterinario cando descubriron que tiña varias doenzas. A protectora nega as acusación e critica impagos do Concello, dende onde din que están investigando os feitos.