Deixan en liberdade o detido polo crime de Salceda por un posible erro na identificación
Liberdade para o sospeitoso do crime de Salceda. O único detido polo acoitelamento de Soufian Mahra permanecía detido no cárcere da Lama e era o único sospeitoso do acoitelamento do mozo de 24 anos.
O xulgado número 1 do Porriño acordou hoxe a posta en liberdade de Jürgen Wilfred Karau, máis coñecido como o alemán, polo seu país de orixe. As autoridades apuntan a un posible erro na identificación do autor do acoitelamento mortal de Soufian Mahra. Á vista das ampliacións do atestado presentadas pola Garda Civil no xulgado o luns e hoxe mesmo, e nas que falan dun posible erro na identificación, a xuíza determina que o cambio de circunstancias non xustifica que se manteña a prisión provisional. De momento, o home permanece en calidade de investigado na causa e terá que comparecer nos xulgados cada quince días.
Jürgen Karau, alcumado Tony ou o Alemán, permanecía detido no cárcere da Lama acusado de acoitelar a Soufian Mraha na madrugada do 9 de xuño en Salceda de Calselas. Novos atestados da Garda Civil falan dun posible erro de identificación, polo que a xuíza do Porriño determinou liberdade para o detido ao entender que ante as dúbidas xurdidas non se xustifica manter unha medida tan gravosa. Agora Jürgen permanece na causa en calidade de investigado e terá que comparecer quincenalmente nos xulgados.
A vítima, de 24 anos, recibiu tres coiteladas na zona de copas de Salceda de Caselas. Fuxiu do seu agresor para morrer desangrado fronte á comisaría da Policía Local, onde dous axentes de garda non puideron facer nada por salvalo. A vítima, de orixe marroquí, levaba un mes vivindo só en Salceda, logo de facelo coa súa familia en Tui e Vigo.
Antigos compañeiros de Citroën e do equipo de fútbol en que xogaba falan de mala sorte, porque era un rapaz que chamaba a atención polos seus valores. Hai testemuñas que apuntan o Alemán como autor dos feitos, pero os seus amigos, dende o primeiro momento, rexeitaron esta acusación. A súa nai insistía onte en que o seu fillo estaba na casa cando sucedeu o crime.