CRTVG

Buscar

Defensa despregará 30 patrullas polos montes galegos a partir do domingo

Publicado o 12/08/2021 15:50

E o sábado súmase tamén a Brilat á vixilancia dos montes. É unha campaña de colaboración co Exército que leva 20 anos repetíndose todos os veráns en Galicia. Este ano prolongarase, en principio, ata o 1 de outubro. Son trinta patrullas que achegan tamén medios aéreos e nesta campaña terán un papel destacado os drons. O ano pasado conseguiron abortar máis de cen conatos de incendios.

E para apoiar as brigadas contraincendios da Xunta está despregado en Figueirido dende o 1 de agosto un destacamento da Unidade Militar de Emerxencias, a UME. Polo momento aínda non tiveron que intervir, pero están preparados para facelo en menos de catro horas.

Vinte militares, oito vehículos e operatividade as 24 horas do día. Son o destacamento de intervención en Figueirido da Unidade Militar de Emerxencias con base en León. A súa misión é apoiar as brigadas contraincendios en Galicia.

Todos os veráns dende 2007 despréganse en Figueirido e operan basicamente en grandes incendios que pasan das 500 hectáreas ou nos que están en risco casas e a vida das persoas.

Este verán polo de agora non tocou actuar pero están preparados para intervir nun prazo inferior a catro horas. E con 30.000 litros de auga nos seus vehículos. Moita auga pero imprescindible tamén a capacidade de coordinación dos medios.


Este destacamento da Unidade Militar de Emerxencias chegou a Figueirido o 1 de agosto e operará nos incendios en Galicia ata o 30 de setembro.

Noticias web

12/08/2021