CRTVG

Buscar

O detido polo ataque machista de Vimianzo está custodiado no hospital da Coruña

Publicado o 16/05/2019 09:31

• Despois de once horas de busca, apareceu ensanguentado no interior dun coche nunha praia de Muxía

• Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo: "Que todo isto sirva para que a xente se concience da prevención"

 

• Concentracións de repulsa en Vimianzo e Santiago

O suposto agresor machista de Vimianzo foi trasladado esta pasada noite desde o hospital de Cee, onde lle fixeron un reconoñecemento médico tras ser localizado, á UCI do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña debido a unha complicación dos cortes que se fixo nos pulsos.

Javier Miñones xa está en planta deste hospital tras saír da UCI, informou a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, despois de que fora detenido onte a última hora de la tarde tras ser atopado nunha praia de Muxía.

A vítima deste ataque machista continúa ingresada na UCI pero está estable e goza "dunhas condicións boas de saúde", subliñou a subdelegada, que precisou que preocupaba que puidera ter lesións medulares debido a que a agresión foi no pescozo pero "en principio están descartadas".

Javier Miñones está pendente de pasar a disposición xudicial en Corcubión, pero desde o TSXG aseguraron que non é probable que sexa ao longo do día de hoxe. Mentres a Garda Civil continúa coas dilixencias precisas previas a esa posta a disposición xucidial e custondian ao detido no hospital.

A detención de Javier Miñones producíase na praia dos Muíños, en Muxía. Localizárono á tardiña no interior desta furgoneta despois de que alertara da súa presenza un home que pasaba pola zona. Nun primeiro momento os axentes viron que estaba ensanguentado, con algún tipo de ferida, pero consciente, polo que foi trasladado xa en calidade de detido ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee para determinar o alcance das súas feridas. Alí permanece custodiado ata pasar a disposición xudicial.

Buscábano desde as nove da mañá como sospeitoso de acoitelar a que fora a súa parella, na sede de Unións Agrarias de Vimianzo. Despois da agresión, saíu correndo do lugar e fuxiu nun vehículo, tal e como relataron algunhas testemuñas.

Javier ten 41 anos, é fontaneiro e tamén actor. Montserrat ten 48. Ambos estaban divorciados e saíran xuntos, pero romperan a relación hai uns meses. A vítima nunca o denunciara por violencia machista, pero si unha anterior parella del, aínda que fora arquivada a denuncia.
Os dous son moi coñecidos en Vimianzo, onte consternada polo sucedido.

"Condenar o machismo. Se non nos convencemos de que vivimos nunha sociedade machista, nunca acabaremos cos crimes machistas", dicía o alcalde, Manuel Antelo.

Condenar, precisamente, esta e todas as agresións machistas foi a idea da concentración celebrada onte ao serán diante do Concello de Vimianzo, onde se gardaron cinco minutos de silencio.
Tamén en Santiago se convocou unha concentración diante da sede de Unións Agrarias, sindicato onde traballa a muller acoitelada. Todos os partidos políticos condenaron esta agresión machista.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí