CRTVG

Buscar

Decretan prisión provisional e sen fianza para os catro detidos de Resistencia Galega

Publicado o 18/06/2019 20:09

Prisión provisional e sen fianza por pertenza a grupo terrorista para os líderes de Resistencia Galega, Antón García Matos e Asunción Losada Camba, detidos o sábado en Vigo. O maxistrado da Audiencia Nacional acordou a mesma resolución para os dous colaboradores arrestados tamén na fin de semana.

Os líderes de Resistencia Galega, Antón García Matos, alcumado Toniño, e mais Asunción Losada Camba, rexeitaron declarar diante do maxistrado da Audiencia Nacional. Tras o paso a disposición xudicial, Manuel García Castellón acordou prisión provisional e sen fianza para os dous por pertenza a organización terrorista.

Os dous membros de Resistencia Galega permanecían fuxidos desde 2006. Estaban buscados por pertenza a organización terrorista, en grao de dirixentes, posesión e transporte de explosivos e tamén por falsidade documental.

Canda os dous líderes de Resistencia Galega foron detidos dous colaboradores en Vigo e en Vilamarín. Para os dous o maxistrado da Audiencia Nacional tamén decretou prisión provisional e sen fianza.

Resistencia Galega foi declarada organización terrorista polo Tribunal Supremo en 2014.
Desde o seu nacemento en 2005 protagonizou sobre 60 accións violentas, moitas con explosivos, e contra partidos, institucións, ou entidades bancarias pero sen causas vítimas mortais.

O último atentado de Resistencia Galega foi no 2014 no municipio lugués de Baralla. Non houbo danos persoais, pero o artefacto explosivo estragou a casa do Concello. O autor do atentado cumpre unha condena de sete anos e medio de prisión.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019