CRTVG

Buscar

Extinguido o incendio que obrigou a desaloxar a sede do Celta

Publicado o 14/09/2020 20:03

Contra as sete desta tarde declarábase un incendio na sede do RC Celta na Rúa Príncipe de Vigo, en pleno centro da cidade olívica. As lapas comezaron na parte superior do inmoble, no restaurante Silabario, e obrigaron a desaloxar todo o edificio, incluídos os 19 rapaces da canteira celeste que teñen alí a súa residencia. 

A columna de fume podía verse elevándose pola a cúpula da sede do Celta dende varios puntos da cidade. 

No lugar traballaron tres dotacións dos bombeiros de Vigo. Para facilitar as tarefas de extinción do lume cortouse a rúa do Príncipe e algunhas das rúas da súa contorna.

En cuestión de minutos, o incendio quedaba extinguido. Non se rexistraron vítimas e os danos concentráronse na terraza (no chan de madeira e unhas árbores decorativas), polo que non houbo problemas na estrutura da sede do Celta.

As primeiras hipóteses apuntan a que orixe das lapas podería estar no sistema do aire acondicionado, que está situado na parte superior do inmoble. 

Ao lugar desprazáronse o presidente do Celta Carlos Mouriño e o alcalde de Vigo Abel Caballero.