CRTVG

Buscar

Arde durante a noite unha nave industrial en Vilamarín

Publicado o 09/01/2020 15:32

A alerta de incendio no almacén de serraduras, recortes de madeira e labras do polígono de Tamallancos dérona pouco antes das nove da noite varios cidadáns que viron saír fume da cuberta. O sinistro supuxo traballo intenso para os equipos de extinción pola combustibilidade do material almacenado e o fume que orixinou. Unha das prioridades foi retirar dúas máquinas do interior.

"Abríronse as portas para poder acceder, que había unha pa e outra máquina de facer labras e serraduras. Sacaron as dúas. Había dúas máquinas e sacaron as dúas", di Víctor Requejo, de Protección Civil de Vilamarín.

Coa pa foron retirando as serraduras cara ao exterior da nave para reducir a carga de combustible. Interviñeron varias dotacións de bombeiros; do parque do Carballiño, do GES de Ribadavia e de Protección Civil de Vilamarín e do Carballiño e tamén efectivos do Distrito Forestal.

Descoñécese como se orixinou o incendio, o terceiro que levan nesta nave situada preto da N-550, na provincia de ourensá.

Os danos deste incendio, pola destrución do material almacenado e os que sufriu a nave, non foron cuantificados. A extinción, que se deu por rematada preto das cinco da mañá, requiriu o emprego de gran cantidade de auga. Por iso, o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias desprazou ao lugar un camión subministrador.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí