CRTVG

Buscar

Declárase culpable o acusado de matar un home en Carballo de 57 coiteladas

Publicado o 14/01/2019 14:18

O home acusado de matar outro asestándolle 57 coiteladas en Carballo, en decembro de 2017, declarouse culpable. Con todo, na sala da Audiencia Provincial da Coruña dixo que a súa intención non era matar a vítima senón defenderse porque el, durante unha discusión, comezou dándolle un puñazo na fronte. Engadiu que, nun momento dado, perdeu o control dos seus actos.
A Fiscalía pide para el 22 anos e medio de cadea. Porén a acusación particular entende que no asasinato houbo aleivosía e asañamento e eleva a petición a 28 anos de prisión.

Nada máis comezar a súa declaración, o acusado recoñeceu ser culpable. Contou que fora canda a vítima a un lugar afastado de Carballo para consumir cocaína, pero que, ao chegar, o seu coñecido esixiulle parte da droga que tres días antes foran mercar a Ferrol. Comezaron a discutir e a vítima, dixo, amais de ameazalo cunha navalla, deulle un puñazo na fronte. Engadiu que esa agresión o pillou por sorpresa e que foi aí cando comezou a acoitelalo porque sentía rabia e tiña que defenderse. Explicou que estaba baixo os efectos das drogas e que nun momento dado perdeu o control dos seus actos. Dixo tamén que nunca tivo intención de matalo.

Porén a fiscalía entende que cando aconteceron os feitos tiña plena conciencia do que facía. Acúsao dun delito de asasinato con asañamento e outro de tenza ilícita de armas.

Ministerio Público: "Acoitelouno ata causarlle a morte producíndolle unha dor que non poden imaxinar. Despois de matalo, de asestarlle 57 coiteladas cun coitelo, fuxiu, tivo un accidente e foi detido. E cando é detido atopáronlle entre as súas roupas unha pistola detonadora. Eu voulles demostrar que, malia ser consumidor de drogas, no momento en que o acoitelou, sabía moi ben o que facía".

Pide para el de 22 anos e medio de cadea e unha indemnización dun total de 210.000 euros.
A acusación particular entende que o asasinato se produciu con asañamento pero tamén con aleivosía e eleva a pena aos 28 anos de prisión. Pola súa banda, a defensa solicita a eximente completa ou incompleta.

Avogada da defensa: "Nós o que queremos demostrar e imos demostrar é que o meu cliente actuou movido polos impulsos provocados polas drogas".

O xuízo, que se celebra con xurado popular, continuará mañá coa declaración de máis testemuñas.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2019