CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Declaran os acusados de provocar o incendio en Doñana. A súa extinción custou case 2 millóns de euros

Publicado o 14/09/2017 15:05

O administrador e o xefe de mantemento dunha carboeira de Moguer declararon no xulgado de Huelva. Foi na súa empresa onde presuntamente se orixinou o incendio forestal, no mes de xuño, que acabou queimando 8.486 hectáreas na zona do Parque de Doñana. Están acusados dun presunto delito de incendio forestal por imprudencia grave, castigado con penas de ata os 6 anos de cárcere. Eles din que non son os responsables e que foron os primeiros en dar a alarma.

Despois de tres días de extenuante loita contra o lume, o incendio de Moguer deuse por controlado. Afectou na súa maioría zonas protexidas preto do Parque Nacional de Doñana. O cómputo total de hectáreas queimadas, foi de 8.468 aínda que o perímetro foi maior, máis de 10 mil. A forza do vento e a calor fixeron que o incendio fose moi violento. En Mazagón o incendio arrasou o cámping de Doñana que quedou feito borralla, afectou o centro de recepción de visitantantes do parque, o parador e o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial.

Coas estradas cortadas e sen poder escapar a praia converteuse no refuxio de moitos dos veciños e turistas. Nos seus coches, á beira ou dentro da auga, centos de persoas pasaron a noite en vela mentres eran espectadores do desastre ambiental. Houbo que evacuar 2.000 persoas para as que buscaron acubillo en polideportivos e instalacións públicas. A factura económica do incendio foi de preto de dous millóns de euros só pola extinción. Mobilizáronse centos de efectivos con apoio dunha ducia de avións e helicópteros, que traballaron arreo durante 63 horas para controlar as lapas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí