CRTVG

Buscar

Amigos de Déborah Fernández e do seu ex-mozo declaran nos xulgados de Tui

Publicado o 09/01/2020 21:14

Reapertura que chega ante a inminente prescrición da causa en 2022 e que pechou o ano citando sete testemuñas en decembro. Este xoves, ao xulgado número 2 de Tui, foron seis e, igual que na pasada ocasión, ningunha fixo públicas as súas declaracións. Tampouco se coñece a súa identidade, só que son persoas do círculo da vítima. Si falaron aos medios familiares de Déborah que, case 18 anos despois, seguen pedindo o mesmo.

Déborah Fernández desapareceu en abril de 2002 cando saíra facer deporte pola zona de Samil. Días despois, o seu cadáver foi localizado nunha cuneta no Rosal, a 40 quilómetros de Vigo. Atopárona sen roupa e sen sinais de violencia. Nunca foi detido nin imputado ninguén formalmente, tampouco o que para a familia é o principal sospeitoso. Están convencidos de que Déborah subiu ao coche dalgún coñecido.

Sexa como for tanto a familia como os achegados da moza, alén das súas hipóteses, só queren que se faga xustiza e que, desta volta, se esclarezan os feitos. Viven con moita expectación cada paso dun procedemento en que non se desbotan máis declaracións.


Noticias web

09/01/2020