CRTVG

Buscar

Declaran culpable de asasinato o acusado de matar a súa muller en Cabana

Publicado o 22/06/2020 18:14

O xurado popular declarou culpable por unanimidade dun delito de asasinato con agravante de actuar por razóns de xénero e doutro de tenza ilícita de armas para o home que presuntamente matou de tres disparos a súa muller no concello coruñés de Cabana de Bergantiños en 2018.

A Audiencia Provincial da Coruña celebrou a semana pasada o xuízo, con tribunal de xurado, contra o sospeitoso de matar a súa muller, Ana Belén Varela, no seu domicilio, onde se atopaban os seus fillos, despois de que esta supostamente lle comunicara que se quería divorciar.

Durante a lectura do veredicto este luns, o xurado indicou que consideran probado, por unanimidade, que “o acusado deu tres disparos pola costas” a súa muller, “segundo probas achegadas por gardas civís e forenses” e que ela “non tivo posibilidade de defensa”.

“Cremos que había premeditación xa que o acusado enviou un whatsapp ao seu cuñado en que facía referencia a que chegara o día”, subliñou o portavoz do xurado popular.

Consideran non probada “a atenuante de embriaguez”, pois “non tiña diminuídas as súas capacidades físicas e mentais” e “era consciente do que fixera”.

A acusación particular e a Fiscalía solicitan para J. G. P. 28 anos e medio de cárcere por un delito de asasinato con aleivosía, coa agravante de actuar por razóns de xénero, e outro de tenza ilícita de armas curtas introducidas ilegalmente en España.

No seu escrito de cualificación, o fiscal demandaba 25 anos e medio, pero elevou a pena dous anos e medio ao rexeitar finalmente a atenuante de embriaguez.

Pola súa banda, a defensa manifestaba que se trataba dun delito de homicidio. O acusado alegou na súa declaración que lle disparou “nun arrebato repentino” mentres discutían e negou que a maltratara.

Noticias web

22/06/2020