CRTVG

Buscar

Declaran no caso Alvia os técnicos que subministraron o ERTMS da liña Ourense-Santiago

Publicado o 13/03/2018 14:37

Declaran nos xulgados de Santiago catro técnicos dunha unión temporal de empresas que realizaron un informe de seguridade na liña Ourense-Santiago na que tivo lugar o accidente do Alvia no que morreron 80 persoas.

Hai catro meses os técnicos da empresa pública Ineco afirmaron que non avaliaran a curva de Angrois porque o Adif non llelo encargara. Agora, catro enxeñeiros da UTE formada por Thales e Dimetronic declararon nos xulgados das Fontiñas como testemuñas para explicar ata onde chegara a súa análise de riscos na liña Santiago-Ourense.

"Nós cremos que a exportación de riscos existiu. Queremos ver ese dosier de seguridade. Adif o único que fixo foi exportar o risco ao maquinista e lavouse as mans. Non se puxeron os medios. Tamén nos interesa saber ata que punto quilométrico encargaron o dosier", afirma Manuel Alonso, letrado da Plataforma de afectados do Alvia. 

As partes queren coñecer ademais para que foron contratados exactamente os técnicos e se o cambio de proxecto influiu no ERTMS, o sistema de control continuo da velocidade. Algunhas fontes cren que as declaracións dos enxeñeiros poden abrir a porta a algunha imputación máis.

"Xa debería haber algún cargo máis imputado por unha acta que presentamos en que dúas direccións discuten e unha delas se nega a facer a análise de riscos do lugar do accidente. A dirección de seguridade dille que é obrigatorio facelo e a pesar diso asina, autoriza e pon en servizo a liña", opina Manuel Prieto, avogado do maquinista do Alvia.

As declaracións comezaron con atraso pola folga na Xustiza, que non impediu que se celebrasen as catro comparecencias previstas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2018