Declaran as Carrilanas de Esteiro Festa de Interese Turístico Nacional
Declaran as Carrilanas de Esteiro Festa de Interese Turístico Nacional. É unha festa divertida, moi consolidada e que cada vez atrae máis xente a Muros. O último ano foron máis de 30.000 persoas. Naceu no ano 88 por iniciativa dun grupo de veciños que querían animar un pouco as festas parroquiais. Por iso decidiron converter estes coches de xoguete da posguerra no seu reclamo. E a súa idea acaba de verse recompensada.
O Gran Prix das Carrilanas de Esteiro, unha das grandes citas do calendario festivo galego que se celebra cada verán en Muros, foi declarada este xoves Festa de Interese Turístico Nacional. O secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, asinou hoxe a resolución pola que a festa dos "autos tolos" galegos logra este merecido recoñecemento, informan fontes do Goberno.
Este gran prix, un evento totalmente consolidado polo seu valor cultural, significado e alcance co atractivo turístico, unido á súa orixinalidade, é xa Festa de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2000. Creadas no ano 1988, as Carrilanas de Esteiro xurdiron dun grupo de veciños da vila que buscaba devolver o seu esplendor as festas patronais da parroquia de Santa Mariña, que non podían competir economicamente coas festas das vilas veciñas vinculadas á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, e que se celebran tamén a mediados de xullo.
Coa finalidade de desmarcarse da celebración relixiosa, a idea materializouse nunha carreira de carrilanas, un coche de xoguete de madeira característico da posguerra. Trátase dun vehículo de tres ou catro rodas, con eixes e chasis de madeira, sen rodamentos e sen motor ou sistema de propulsión.
Nesta competición, os participantes descenden por un circuíto de aproximadamente tres quilómetros de lonxitude, a costa de O Maio, e alcanzan velocidades de ata 90 km/ h os máis rápidos. En poucos anos xa logrou ser unha festa de referencia na comarca, e actualmente congregan máis de 30.000 persoas.
Por ese motivo, o Concello de Muros solicitou o 30 de decembro de 2020 á Secretaría de Estado de Turismo a súa declaración como Festa de Interese Turístico Nacional, que se resolveu de maneira favorable tras acreditar os requirimentos establecidos para o efecto na Orde ITC851/2019, do 25 de xullo.