Os encarcerados polo crime de Samuel volven ao xulgado para saber se seguen en prisión
Foto: EFE
A titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña citou para este venres os tres detidos que se atopan no cárcere de Teixeiro polo crime de Samuel, para decidir se procede ratificar a prisión provisional que se decretou para eles.
Os tres detidos chegaron ás 09:25 horas nun furgón da Garda Civil, que os trasladou desde o cárcer ata a sede xudicial da rúa Monforte, na Coruña. A xuíza instrutora citounos ás 10:30 horas para decidir se procede a ratificación da prisión provisional, que ditou o xulgado que estaba de garda a semana pasada.
Nesta dilixencia estarán presentes as partes implicadas.
Dos seis detidos por este crime, tres permanecen en prisión provisional, unha foi posta en liberdade con medidas cautelares e dous menores foron internados nun centro.
Na súa primeira declaración, diante da xuíza de garda, todos os investigados se defenderon. Recoñeceron que estaban no lugar dos feitos, pero negaron que golpeasen a Samuel con saña. Porén, a autopsia desvelaba que o mozo de 24 anos sufriu tres roturas no cranio que puideron ser provocadas cun obxecto metálico.
Tras esta información, axentes da Brigada de Policía Xudicial levaron a cabo un rexistro e, presuntamente, atoparon un puño americano con navalla e dous martelos rompecristais na casa dun dos dous menores detidos.
A investigación segue aberta e non se desbotan máis detencións. Xa son 26 as testemuñas que foron declarar polo crime de Samuel, 14 delas recentemente. O delegado do goberno José Miñones confirmou que a investigación continúa e que as pescudas policiais avanzan.