CRTVG

Buscar

Desactívase a situación 2 no incendio de Vilariño de Conso

Publicado o 15/09/2020 16:08

• Máis de 8.000 hectáres calcinadas na provincia de Ourense

• Só en Lobios, Vilariño e Cualedro van 5.300 hectáreas arrasadas

Os incendios rexistrados en máis dunha ducia de concellos de Ourense calcinaron ao redor de 8.000 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Os de maiores dimensións afectan a Lobios, Vilariño de Conso e Cualedro.

En Vilariño de Conso, segundo informou Medio Rural, desactivouse a situación 2 de emerxencia, que se establecera como medida preventiva por proximidade aos núcleos de Soutogrande e Soutelo. En declaracións á Radio Galega, a alcaldesa de Vilariño, Melisa Macía, salientou que o vento dificultara os labores de extinción.

E é que en Vilariño segue activo, desde as 02:22 horas do domingo un incendio que se iniciou na parroquia de Sabuguido e que, segundo os últimos cálculos, afecta a unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 16 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, catro pas, 14 helicópteros e nove avións. Así mesmo, tamén colaboraron efetivos da UME.

O lume xa queimou 1300 hectáreas e varias casas en Cualedro

O fume tinguiu de negro o ceo de Cualedro por segundo día consecutivo. Chegou a haber varios focos activos a un tempo. Na tarde do luns, o máis complicado estivo no lugar de Lamas. O vento cambiaba o rumbo do lume en segundos, e iso complicou as tarefas de extinción. Brigadas e veciños man a man lograron deter as lapas antes de que chegasen ás casas.

"Nós facemos o que podemos, salvamos vilas, granxas e todo, pero non podemos facer máis". "Vén o aire e agora trae o lume cara aquí, cara á aldea, espero que o corten antes e o paren antes de que nos chegue ás casas".

Mobilizáronse 11 axentes, 19 brigadas, 12 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da UME.

O lume chegou a cruzar a utovía A-52, que tivo que pecharse ao tráfico durante dúas horas. Tamén houbo que cortar estradas secundarias, coma esta, no lugar de Moimenta. "Iamos a Cualedro, pero está cortada a estrada. Damos a volta e marchamos".

A media mañá os equipos de extinción conseguiron afastar o lume da aldea de Carzoá. Tras de si o incendio deixa a imaxe da desolación: arderon catro vivendas, dúas delas habitadas. Os veciños apuntan a que os incendios deberon ser provocados. "O lume non prende só, póñenlle lume para fastidiar os demais".

 Luciano Rivero, alcalde de Cualedro, "Chamar os cidadáns a que colaboren. Aos incendiarios non lles pode saír isto impune, non pode ser que cada ano se viva unha situación coma esta. O concello de Cualedro está completamente abrasado".

En Lobios arden 2.000 hectáreas do parque do Xurés

Lobios segue ardendo por terceiro día. O lume que se declarou a media tarde do sábado nas inmediacións do Río Caldo xa calcinou 2.000 hectáreas dun terreo escarpado e de alto valor ecolóxico.

Mª do Carmen Yáñez, alcaldesa de Lobios: "A situación segue sendo moi complicada. Este lume ten unha extensión moi grande, é moi dificil de controlar, as condicións atmosféricas non axudan moito. É a reserva integral, é a zona máis protexida do parque, unha das máis turísticas. A Mina das Sombras, Corga da Fecha, é o que se está queimando, o corazón do parque".

Para a súa extinción mobilizouse 1 técnico, 18 axentes, 42 brigadas, 22 motobombas, 1 pa, 11 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da UME.


Tenente Miguel Peña, V Batallón de Intervención en Emerxencias: "Sesenta militares temos despregados neste momento na zona. Estamos nunha zona en que o incendio está avanzando polo flanco esquerdo cola, e estamos vixiando a zona para que non siga avanzando".

Precisamente o accidentado do terreo fixo envorcar unha motobomba desta Unidade Militar de Emerxencias. De momento, as lapas non ameazan ningunha aldea.

Tamén no Parque Nacional da Baixa Limia-Serra do Xurés se declaraba este luns outro incendio Comezou na parroquia de Requiás, concello de Muíños, en dous focos diferentes e simultáneos, o cal segundo a Xunta indicaría unha clara intencionalidade. A última hora deste luns, Medio Rural daba o lume por estabilizado despois de que queimase seis hectáreas.

Os efectivos salvaron as casas en Rairiz de Veiga

Tamén continúa activo o incendio de Rairiz de Veiga, pero conseguiron evitar que as lapas chegasen ás casas. Finalmente só ardeu unha reitoral que estaba abandonada. Os veciños teñen aínda o medo no corpo.

En Rairiz de Veiga a superficie queimada anda polas 300 hectáreas. Nos labores de extincións participan 30 efectivos por terra, 19 motobombas e nove medios áereos.

Manzaneda é outro dos concellos afectados polos incendios. Hai tres focos activos que comezaron con pouca diferenza de tempo, e iso, segundo Medio Rural, evidencia a clara intencionalidade. Afecta a unhas 200 hectáreas.

Na Mezquita hai outro incendio activo, entrou desde Zamora e afecta a unhas 250 hectáreas en territorio galego.

Ademais hai activos lumes en Vilardevós, Chandrexa de Queixa e Laza. O de Vilardebarrio e o da Gudiña están estabilizados, e o de Maceda e Ribas de Sil xa controlados. 

 

Noticias web

15/09/2020