CRTVG

Buscar

José Enrique Abuín admite que matou a Diana Quer pero nega o rapto e a violación

Publicado o 12/11/2019 15:53

• Os pais da moza declaran o inferno que viviron 

José Enrique Abuín, alcumado O Chicle, autor confeso da morte de Diana Quer, comparece este martes nos xulgados de Santiago como único acusado. Seguimos minuto a minuto a súa declaración. O inicio do xuízo estaba previsto para as 9.30 pero comezou cun lixeiro atraso.

• 10.11

A sesión principia coa lectura dos escritos da acusación e da defensa. Tanto a fiscalía como a acusación particular piden a prisión permanente revisable para Abuín.

• 10.15

A nai de Diana Quer abandona os xulgados de Santiago, molesta ao comprobar que ten que compartir espazo co seu ex-marido, Juan Carlos Quer, con quen ten un enfrontamento persoal.

• 10.32

A fiscal entende que Abuín secuestrou, violou e asasinou a Diana e que actuou con aleivosía e con asañamento. O ministerio público acúsao de detención ilegal, violación e asasinato.

• 11.00

Intervén agora o avogado da acusación particular, que -igual que a fiscal- recorda que o acusado non colaborou coa xustiza e considera que Abuín non cometeu un homicidio involuntario, como alega a defensa.

• 11.15

O avogado da acusación particular fala de Abuín como un "depredador sexual" mentres o acusado, que está detrás del, nega coa cabeza. O letrado describe o Chicle como alguén "moi perigoso".

• 11.27

Fala agora a avogada defensora do Chicle, "avogada de oficio" recálcalles aos membros do xurado. Recorda que o caso de Diana Quer foi moi mediático e pídelles que se desprendan dos xuízos de valor dos últimos meses. A avogada di que non hai probas da detención nin da agresión sexual. "A autopsia non atopou ningunha evidencia da violación". 

• 11.48

A nai de Diana Quer regresa aos xulgados. Está previsto que tanto ela coma o pai de Diana declaren hoxe mesmo en calidade de testemuñas.

• 12.10

O xuíz admite que se incorpore ao procedemento a sentenza da rapaza de Boiro, á que o Chicle intentou secuestrar, e a denuncia da cuñada do acusado por presunta violación, a pesar da petición da defensa.

• 12.47

Empeza a declaración do Chicle. Comeza respondendo as preguntas da fiscal. Asegura que a noite da desaparición de Diana fora roubar gasoil no seu coche á zona onde os feirantes aparcan os camións na Pobra do Caramiñal. Tamén identifica o lugar onde se encontrou con Diana Quer.

• 13.00

"Deixei as garrafas e dirixínme cara a ela para que non me delatara", asegura. Di que lle botou a man ao pescozo a Diana e que cando se decatou xa estaba morta.

Despois asegura que a introduciu nos asentos traseiros do coche. No asento do copiloto meteu o bolso e o móbil. "A miña intención non era matala", di. Asegura que nin a amordazou nin a meteu no maleteiro do coche.

• 13.09

Asegura que nunca empregou a expresión "morena, ven aquí". Di que nunca lle quitou o móbil. Cando fuxiu con Diana pola autovía, declara que tirou o móbil desde a ventá do copiloto ao pasar pola ponte de Taragoña. Ao chegar á nave de Asados, sacou o corpo do coche e levouno en brazos ata o pozo. E nega que violara a Diana nese lugar. Di que lle sacou a roupa antes por medo a que quedaran restos no coche. Tamén nega que lle sacase a roupa interior. Continúa explicando como meteu o corpo no pozo e como lle puxo os bloques como lastre. 

• 13.35

Pregúntalle a fiscal se lle pediu á súa muller que lle facilitase unha coartada, e declara que si. E que só llo pediu a ela. 

• 13.38

Quenda para as preguntas da acusación particular. O acusado négase a responder as preguntas sobre o caso de Boiro. Abuín asegura que primeiro pensou en desfacerse do corpo de Diana na ría, pero como había xente, decidiu optar pola nave de Asados. Di que non sabe nada da cinta adhesiva que apareceu no pozo.

• 13.54

Abuín nega que atropelase a Diana Quer e que llelo confesase aos axentes. Di que foron eles os que lle suxeriron que declarase iso.  

• 13.57

Pregunta agora a avogada da defensa. O Chicle di que lle impuxeron un avogado e que non lle designaron un de oficio.

• 14.01

Declara como testemuña o pai de Diana, Juan Carlos Quer. "Este señor causou catro vítimas, non só unha". "O impacto da desparición dunha filla é demoledor: deixas de traballar, de vivir, vexetas...". Quer narra episodios de autodestrución da súa filla Valeria e problemas psiquiátricos derivados da desaparición de Diana. "A miña filla morreu da forma máis cruel". 

• 14.21

Declara Diana López-Pinel como testemuña. A nai da vítima quere deixar constancia de que acode "en branco". "Diana era unha nena tremendamente bondadosa, boa... era un anxo", di a nai sen poder conter as bágoas. "Era moi medosa", relata. Narra o pesadelo que viviron durante a desaparición. E quéixase do "escarnio público" que se lles fixo. Conta que tanto a filla coma ela estiveron a tratamento por depresión. 

• 14.30

Conclúe a declaración da nai. O xuízo continuará mañá.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí