CRTVG

Buscar

Declara o acusado de acoitelar mortalmente un home en Ordes no 2016

Publicado o 28/09/2020 14:58

Na Coruña declarou esta mañá o acusado de acoitelar mortalmente un home no verán de 2016 en Ordes. Foi o primeiro en tomar a palabra unha vez quedou constituído o xurado popular que decidirá a súa sorte.

O acusado manifestou esta mañá que soubera da morte de Álvaro, a vítima, horas despois de pelexar con el, xa pola mañá, tras chamalo a súa cuñada. Deste xeito quixo deixar claro que el nada tiña que ver co seu falecemento.

Explicou tamén que, ao día seguinte, volveu a Ordes á casa da súa nai e que ela o convenceu para que fose á Garda Civil contar que pelexara cunha persoa que horas despois apareceu morta. E así o fixo, pero, segundo relatou, ao chegar ao cuartel había moita xente e deu volta.

Dixo que despois xa non volvera porque tiña medo a que o acusasen a el.

A Fiscalía di que ten claro como aconteceron os feitos. Acúsao dun delito de asasinato con aleivosía ao entender que lle cravou unha arma branca no pescozo coa que lle perforou a arteria aorta e lle causou a morte sen que a vítima puidese defenderse. Pide para el 20 anos de cadea, igual que as dúas acusacións particulares.

 

 

Noticias web

28/09/2020