CRTVG

Buscar

En liberdade con cargos a procesada polo accidente mortal de Palmeira

Publicado o 07/06/2019 20:17

A condutora implicada no accidente mortal do 4 de maio en Palmeira quedou en liberdade con cargos. O xuíz de Ribeira retiroulle o permiso de conducir e o pasaporte, e tamén todos os vehículos que poida ter ao seu nome. Ademais, terá que comparecer cada quince días no xulgado. O accidente custoulle a vida a unha parella de 29 e 28 anos.

O accidente produciuse o 4 de maio na saída dunha curva, na estrada que une Ribeira e A Pobra, en Palmeira. Abraham, de 29 anos, e Sara, de 28, volvían de visitar a familia e dirixíanse á Pobra. Bateron de fronte co BMW de gama alta que conducía Pilar Fernández, de 45 anos e veciña de Aguiño. A parella faleceu no acto. Pilar quedou ferida e trasladárona ao hospital. Deu positivo en alcol e en tres substancias psicotrópicas. Agora que lle deron a alta hospitalaria, o xuíz que instrúe o caso citouna a declarar. Antes, interrogou catro testemuñas a petición do avogado das familias das vítimas. Algúns viran a Pilar intres antes do accidente circulando de xeito temerario e a velocidade excesiva.

Pilar ten tres fillos. Nas súas redes sociais sempre presumiu da súa paixón polo motor e a velocidade. No mes de xaneiro tivo outro accidente en Aguiño, en que tamén deu positivo no control de alcolemia. O avogado das familias das vítimas pide que a imputen por catro delitos e que se adopte como medida cautelar a prisión provisional.

Pilar chegou aos xulgados de Ribeira minutos antes das 12 acompañada de dous dos seus fillos.

Noticias web

07/06/2019