CRTVG

Buscar

Envían a prisión o detido acusado de acoitelar un veciño en Mondariz

Publicado o 26/01/2021 00:26

O xulgado de instrución número 2 de Ponteareas decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza do detido polo crime de Mondariz, informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Os dous vivían no mesmo hostal. Ao parecer, a súa relación era mala e os cartos puideron desencadear a traxedia. O falecido e o presunto criminal levaban varios días desaparecidos cando a Garda Civil deu co cadáver.

Miguel Ángel chegaba á media mañá ao xulgado numero 2 de Ponteareas, que leva a investigación, para declarar como presunto autor da morte de José Luis Fernández Faro, o Cabra. O xuíz decidirá se se trata dun delito de homicidio ou de asasinato, porque queda por ver se o crime foi ou non planificado.

O falecido xa contara que a relación entre os dous non era boa e que sufrira ameazas de morte varias veces. A investigación apunta ao roubo como posible motivo do crime. Ao parecer, a vítima cobrara en decembro a liquidación dun contrato do Concello, onde traballou temporalmente de peón, e especúlase coa posibilidade de que tiveran unha débeda pendente ou que o seu presunto agresor lle pedira cartos para comprar droga, xa que Miguel Ángel ten trastornos psiquiátricos graves e unha forte adicción aos estupefacientes.

Hai unhas imaxes en que se ve o acusado, días antes do crime, mercando un coitelo grande nun bazar de Ponteareas e pode ser unha peza fundamental na investigación, segundo a Garda Civil. O cadáver apareceu neste rocho onde atoparon restos de sangue.

O falecido e o suposto criminal vivían de alugueiro en dous cuartos contiguos dun hostal de Mondariz. Había sangue nas portas, nas paredes e tamén no alpendre onde o asasino agochou o corpo entre cascallos e lixo.

Noticias web

26/01/2021