CRTVG

Buscar

O maquinista do Alvia di que foi un "accidente anunciado" nunha liña "sen seguridade"

Publicado o 12/07/2018 09:27

• Garzón comparece na comisión de investigación sobre o accidente

• Moi emocionado, quixo pedirlles perdón ás vítimas

O maquinista do tren que descarrilou en Angrois o 24 de xullo do 2013 compareceu publicamente por primeira vez. Foi no Congreso dos Deputados, na comisión de investigación sobre o accidente. Case cinco anos despois do sinistro puidemos escoitar por vez primeira as explicacións de Francisco José Garzón. O maquinista do Alvia, moi emocionado, non foi capaz de ler a intervención que traía escrita, polo que a leu o secretario da comisión de investigación.

Na quenda de preguntas dos grupos, Garzón, que lles pediu perdón ás vítimas, dixo que non había medidas de seguridade na curva de Angrois e que colleu a chamada telefónica do interventor porque era un móbil corporativo e estaba obrigado a facelo. Na xornada de hoxe tamén compareceron o interventor do tren, a directora da oficina de Renfe para a atención ás vítimas e o home dunha das vítimas mortais do sinistro.

Francisco José Garzón, o maquinista do Alvia que descarrilou en Angrois, comparecía publicamente por primeira vez. Fíxoo acompañado polo seu avogado, xa que está investigado na causa por imprudencia profesional grave. Moi afectado no inicio da sesión, non foi quen de intervir, polo que foi preciso que lera a súa declaración o secretario da comisión de investigación e deputado de En Marea, Antón Gómez Reino. Nese texto, ademais de pedirlles perdón ás vítimas, Garzón dixo que non había ningún sinal que limitase a velocidade na curva da Grandeira.

Si escoitamos o maquinista cando respondeu as preguntas dos grupos parlamentarios.

O maquinista pediu que se escoitase o audio da conversación telefónica que mantivo co interventor intres antes do accidente, petición denegada pola mesa. O deputado de Esquerra Gabriel Rufián tentou reproducilo de todos modos, o que provocou que se suspendera a sesión durante uns minutos. Despois do maquinista compareceu o interventor do tren. Antonio Martín Marugán tamén deu explicacións sobre a chamada. Dixo que estaban permitidas.

Pola mañá comparecía a directora da oficina de Renfe para atención ás vítimas. Carmen Jiménez defendía o traballo do seu departamento. Antes presentábase Manuel Salvador Román, home dunha das vítimas mortais, que pedía unha investigación independente para depurar responsabilidades políticas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018