CRTVG

Buscar

Declara ante o xuíz o loteiro da Coruña acusado de apropiarse dun boleto premiado da Primitiva

Publicado o 29/11/2019 11:47

O loteiro investigado por apropiarse, presuntamente, dun boleto da Primitiva premiado con 4,7 millóns de euros en 2012 declara no Xulgado de Instrución número 7 da Coruña xunto co seu irmán, delegado de Loterías e Apostas do Estado na Coruña.

A avogada do reclamante da Primitiva espera que agora "aflore a verdade"

A avogada do reclamante da Primitiva "sen dono" da Coruña, María Belén Canosa, dixo esta mañá que ten a esperanza de que "con este procedemento se dilucide todo e aflore a verdade".

A letrada compareceu ante os xornalistas antes de entrar ao Xulgado de Instrución número 7 da Coruña onde están a declarar nestes momentos o loteiro investigado por tentar apropiarse presuntamente dun boleto da Primitiva premiado con 4,7 millóns de euros en 2012, e o seu irmán, delegado de Loterías e Apostas do Estado na Coruña.

"Estamos a comezar de verdade agora, esperamos que xa cun bo paso, cun bo camiño cara ao que pensamos que é a verdade", detallou a avogada do principal reclamante do boleto, xa falecido.

Así, indicou que se vai a "dilucidar" se houbo un engano neste caso e lembrou que "é unha formulación en instrución, un procedemento penal no que se vai a dirimir se existiu estafa e apropiación indebida ou non".

"Aínda non se realizaron as dilixencias, practicamente ningunha de todas as que pedimos", detallou a letrada, que admitiu que van solicitar máis probas.

A xuíza chamou tamén a comparecer en fase de Instrución como investigados a catro persoas que en 2012 ostentaban cargos directivos da Sociedade Estatal de Loterías e Apostas do Estado (SELAE), pero finalmente eles declararán en xaneiro.