CRTVG

Buscar

Detectan positivos en colexios de Carballo, Cee, Pontevedra, Vilaboa e Ourense

Publicado o 15/09/2020 19:39

O arranque do curso escolar veu acompañado polas primeiras incidencias por COVID-19 na comunidade educativa. Este martes detectáronse ata cinco novos centros ou gardarías con alumnado ou docentes contaxiados pola enfermidade, o cal obrigou a aplicar os protocolos de resposta para garantir a contención de casos.

Os últimos que se deron a coñecer, segundo trasladaron fontes municipais e da Xunta, foron o dunha alumna de infantil no CEIP O Cruceiro de Vilalonga e o dun neno na Galiña Azul de Praia Xardín, en Boiro.

O primeiro é unha pequena de catro anos que deu positivo, tras producirse un contaxio no seo familiar, e xa non acudiu ás instalacións este martes. Doutra banda, outro neno, que estaba no grupo de un e dous anos, deu positivo na gardaría de Boiro de Praia Xardín. A pesar diso, a aula na súa totalidade non se puxo en corentena.

Este mesmo martes confirmáronse dous casos en centros de Ourense. Un alumno de primaria do Colexio Maristas Santa María deu positivo por COVID-19 e obrigou a pór en corentena outros sete compañeiros. O estudante acudiu á clase o pasado venres sen ningún síntoma, pero a familia comunicou ao centro este luns que tiña resultado positivo após practicárselle a proba. O centro segue funcionando con normalidade e arrincará un sistema de teledocencia para retransmitir as aulas en liña ao alumnado afectado que se atopa no seu domicilio.

Tamén se activou o protocolo noutro centro da cidade, o Santo Ángel. Un alumno deu positivo na proba do coronavirus, e o centro, como medida preventiva, decretou o confinamento do titor e do grupo de primaria na súa totalidade (entre 20 e 25 alumnos).

Un positivo rexistrado na escola infantil de Vilaboa, en Pontevedra, obrigou a pór en corentena os nenos e os educadores dun dos grupos no centro, dependente da Consellería de Política Social. En concreto, é un dos escolares do grupo de dous a tres anos. A familia informou este domingo da confirmación do positivo e, seguindo as instrucións do protocolo ante a covid-19, púxose en corentena os seus compañeiros e os empregados que estiveron en contacto con el.

Un total de 11 nenos e dous educadores non acudiron ao centro, que se someteu a tarefas de limpeza e desinfección dos seus espazos. Ademais, practicaranse PCR tanto ao persoal como aos menores, aínda que a gardaría non tivo que pechar as súas portas.

Estes cinco casos únense a outros detectados entre a fin de semana e o luns. Un deles é un positivo no CEIP Manuela Rial Mouzo de Cee, unha docente de 5.º de Primaria, que obrigou a aplicar o protocolo. Segundo explicou Jesús Sánchez, director do centro, a escola traballa "dentro da normalidade" e os nenos están "moi disciplinados" e cumprindo coas medidas de seguridade. Ao detectarse o caso, decidiuse recolocar o alumnado de dous grupos noutras dúas aulas, posto que todos mantiñan a distancia interpersoal. Ademais, realizáronse as tarefas de limpeza e desinfección necesarias nos espazos utilizados.

A confirmación dun caso positivo entre o alumnado dun CEIP de Carballo (A Coruña) obrigou a suspender as clases no nivel de 3.º de primaria. En concreto, un escolar do CEIP Nértoma-Razo, do que o Goberno local tivo coñecemento esta fin de semana. O centro mantén a súa actividade, á espera da evolución dos datos, aínda que a Consellería de Educación suspendeu a actividade nese nivel.

Este luns transcendeu, á súa vez, outro positivo dunha nena nun CEIP de Sanxenxo, na provincia de Pontevedra, unha alumna de Infantil do CEIP Magaláns. A familia da menor recibiu a confirmación do positivo por parte do Sergas na tarde do domingo, e este luns á mañá trasladou a información ao centro. O colexio xa indicou ao Sergas a listaxe do seis alumnos e docentes da aula para realizar o seguimento e tomar as medidas oportunas, ben a través de probas de diagnóstico, ben mediante illamentos.

Doutra banda, a afectada ten dous familiares matriculados na gardaría municipal O Revel cos que mantén un contacto estreito. As dúas menores xa non acudiron este luns á gardaría e, despois da confirmación do positivo, practicaránselles as probas PCR. A dirección comunicou ao resto das familias destas dúas aulas a situación e as medidas que cómpre seguir.

O colexio plurilingüe Calasancio en Pontevedra pechou as súas instalacións ao se detectar un gromo con polo menos oito positivos no seu cadro. A actividade docente renovouse este martes a través de medios telemáticos.

Protocolo ante gromos

Outra das novidades da xornada é a publicación da actualización do Goberno central da Guía de actuación ante a aparición de casos en centros educativos, que inclúe diferentes escenarios ante a aparición de gromos ou casos nestas instalacións.

Para efectos de identificación e control, téñense en conta os contactos estreitos, que en grupos de convivencia estable serán todas as persoas que se integran nestes. Para o caso doutro tipo de organización de aulas, defínese contacto estreito a calquera alumno que compartise espazo co caso confirmado a unha distancia inferior a dous metros da súa área de influencia na aula durante máis de 15 minutos, salvo que se poida asegurar que se fixo un uso adecuado da máscara.

Os casos manexaranse indicando corentena aos contactos estreitos durante os 14 días posteriores ao último contacto cun caso confirmado, segundo se refire na Estratexia de vixilancia, diagnóstico e control. Tamén recomenda a realización de PCR aos contactos estreitos, cuxa realización se organizará segundo se indique nos protocolos establecidos en cada comunidade autónoma.

O obxectivo principal é detectar precozmente novos casos positivos no momento da identificación do contacto, e se o resultado desta PCR é negativo continuarase a corentena ata o día 14.