CRTVG

Buscar

Decepción no Cumio do Clima polo escaso compromiso da declaración final

Publicado o 15/12/2019 21:03

O Cumio do Clima rematou tarde, cunha prórroga de dous días, e con recendo a decepción. Ao final aprobouse unha declaración xenérica que fala de "aumentar a ambición contra o cambio climático" en 2020, de acordo coas recomendacións científicas, para evitar que a temperatura planetaria suba máis dun grao e medio neste século. En case todos quedaba un sabor agridoce.

"Agre porque nos gustaría escoitar compromisos moito máis contundentes, moito máis serios por parte das grandes economías, e non escoitamos esa concreción ao respecto", sinalou a ministra en funcións para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Este era o resumo da presidenta da COP25, Carolina Schmidt: "Non estamos satisfeitos. Os acordos alcanzados polas partes non son suficientes para enfrontar con sentido de urxencia a crise do cambio climático".

Desde a sociedade civil a crítica é xeneralizada por parte das organizacións ecoloxistas e do activismo xuvenil de carácter ambientalista.

"O que fai este cumio é pospoñer ao segundo semestre de 2020 presentar novos compromisos", explicaron desde Ecoloxistas en Acción.

Pola súa parte, a responsable de Clima de WWF, Mar Asunción, declarou: "Estamos en emerxencia climática e os gobernos non se están comportando axeitadamente porque non están escoitando nin a voz da ciencia nin a voz da sociedade".

Onde se evidenciou o maior fracaso foi no mercado do carbono e no tema da dobre contabilidade. A China, os Estados Unidos, A India e O Brasil son partidarios de evitar os atrancos reguladores. Esa estratexia permite que estados e, sobre todo, empresas prefiran acudir ao mercado para comprar dereitos de contaminación a baixo prezo en países menos desenvolvidos antes que aplicar medidas propias de descarbonización.

Canto á redución dos gases de efecto invernadoiro, tamén as grandes potencias contaminantes actuaron como tapón para concretar limitacións máis ambiciosas. En definitiva, primou a falta de consenso nos capítulos esenciais.

Noticias web

15/12/2019