Decenas de contaxios entre mozos de Lugo e Pontevedra en relación co gromo de Mallorca
Cinco dos mozos contaxiados no gromo de Mallorca son estudantes de bacharelato do colexio San Xosé de Lugo. Tamén na capital luguesa, resultaron infectados outros cinco alumnos do segundo curso de BAC do instituto Leiras Pulpeiro. Ademais, hai confirmados polo menos outros dous proxenitores que deron positivo, un por cada centro, tras o cribado realizado polo Sergas entre medio cento de persoas.
"Eran da miña clase, de segundo de bacharelato. Estiveron organizando durante todo o curso unha viaxe por Mallorca. Fixeron bastantes macrofestas sen máscara e pasou o que pasou, que contaxiaron a xente. Cinco, creo que foron", sinala un alumno do IES Leiras Pulpeiro.
Rafael Monte, director asistencial da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña: "Estase procedendo xa ao cribado de todos os contactos, cos estudantes e coas súas familias. Como é un gromo que afecta varias comunidades autónomas, penso que se intentará indentificar todas as persoas que viaxaron neste contexto a Mallorca para intentar localizalos e facerlles probas".
A outra cidade galega afectada polo foco mallorquino é Pontevedra, en particular entre o alumnado do instituto Sánchez Cantón. Entre alumnos e familiares contaxiados, xa se detectaron máis de 50 positivos.
"Sobre todo, do Sánchez Cantón, e coñezo xente que foi do SEK e doutros institutos". "Seica foron a Mallorca antes da graduación, polo que haberá que previr, porque se cadra na nosa graduación puido ir alguén xa contaxiado e poderiamos ser nós tamén positivos", din varios mozos que asistiron ao cribado en Pontevedra.
En relación con este gromo, que afecta centos de mozos en sete comunidades autónomas, as autoridades sanitarias confirman que a explosión de casos se debeu a que se trata da variante delta, de carácter especialmente contaxioso.