CRTVG

Buscar

Decapitan un home na periferia de París; confirman que se trata dun atentado

Publicado o 16/10/2020 23:13
Decapitan un home na periferia de París; confirman que se trata dun atentado

Un home apareceu decapitado na periferia de París, segundo avanzaron fontes policiais, que asegura que o agresor foi neutralizado e ferido de bala pola Policía.

Os feitos tiveron lugar á 17.00 hora local preto dunha escola en Éragny, a uns 30 quilómetros de París, cando a Policía recibiu a alerta da aparición dun cadáver decapitado.

A Fiscalía Nacional Antiterrorista abriu unha investigación por asasinato en relación cunha organización terrorista. Máis tarde, o presidente Emmanuel Macron, desde o mesmo lugar do atentado, confirmaba que se trataba dunha acción terrorista.

A vítima é un profesor do centro de ensino secundario Bois d'Aulne, na localidade de Conflans-Sainte-Honorine, situada xunto a Éragny, que mostraría en clase unhas caricaturas de Mahoma.

Esta podería ser a motivación do asasino. O atacante, que foi finalmente neutralizado, levaba un cinto que fixo pensar que podía tratarse de explosivos.

A Policía impuxo un amplo perímetro de seguridade e solicitaron a presenza de membros da Fiscalía Nacional Antiterrorista, que finalmente se fixo cargo da investigación.

Nestes momentos celébrase en Francia o xuízo polos ataques terroristas de xaneiro de 2015 contra o satírico "Charlie Hebdo". 

Macron: Os terroristas "non pasarán" por encima dos valores democráticos

Os terroristas islamitas "non pasarán" por encima dos valores democráticos da República, afirmou este venres o presidente francés, Emmanuel Macron.

Foi "un atentado terrorista islamita", sinalou Macron nunha declaración á prensa na localidade de Conflans-Sainte-Honorine, na periferia de París, onde tivo lugar o atentado.

O profesor "foi asasinado hoxe porque ensinaba, porque explicaba aos seus alumnos a liberdade de expresión, a liberdade de crer e a de non crer", recalcou.

Macron mostrou as súas condolencias á familia e os compañeiros da vítima, pero sobre todo destacou a solidariedade cos mestres e profesores do país.

Así, asegurou "a todos os docentes de Francia que estamos con eles, a nación enteira estará ao seu lado hoxe e mañá para defenderlles e permitirlles facer o seu traballo: facer cidadáns libres". O autor do atentado "quixo abater á República e aos seus valores", un dos cales é "facer cidadáns libres", engadiu Macron.

O presidente francés recalcou repetidamente que os terroristas "non pasarán", e reiterou que "o escurantismo relixioso non gañará" no que denominou unha "batalla".