CRTVG

Buscar

Pagará todos os impostos da herdanza do seu compañeiro por non estar inscritos como parella de feito

Publicado o 10/03/2020 18:42
Pagará todos os impostos da herdanza do seu compañeiro por non estar inscritos como parella de feito

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considera que unha viúva debe pagar íntegros os impostos de sucesións e doazóns da herdanza que lle deixou o seu compañeiro. O Alto Tribunal négalle á denunciante as bonificacións fiscais porque non estaban casados nin inscritos no rexistro de parellas de feito de Galicia. 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegoulle a unha muller que convivía en parella obter beneficios fiscais á hora de recibir a herdanza que lle deixou o seu compañeiro sentimental porque non estaban inscritos no rexistro de parellas de feito en Galicia. A demandante, por tanto, debe aboar o imposto de sucesións e doazóns íntegro, sen bonificación ningunha, ao non equipararse ao matrimonio a súa unión co falecido. Así o sinala o Alto Tribunal galego nunha sentenza con data do 3 de marzo de 2020, coa que avala a esixencia da inscrición no rexistro de parellas de feito para os efectos de tributación no imposto de sucesións. 

O TSXG rexeita considerar unha cuestión de inconstitucionalidade a lei da comunidade autónoma de Galicia que en materia de tributos dispón que só se equipara ao matrimonio "as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no rexistro de parellas de feito en Galicia". "Non cabería facer a obxección de inconstitucionalidade, xa que Galicia si ten competencias para lexislar en materia civil, sostén a sección cuarta sección cuarta da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG na resolución, en que lembra que o Tribunal Constitucional non opón ningún reparo de constitucionalidade á creación dos rexistros de parellas de feito", indica.

Deste xeito, os maxistrados do Alto Tribunal galego consideran que a esixencia legal que supedita a equiparación das unións ao matrimonio, isto é, a inscrición da dita unión no rexistro de parella de feito, "axústase plenamente a dereito, tendo en conta que na lei galega esa inscrición ten carácter constitutivo". "Neste contexto, non podemos dar amparo á pretensión da demandante, tendo en conta que se trata dun requisito indispensable para que se produza a equiparación para os efectos do tratamento fiscal no imposto sobre sucesións e doazóns", apunta.

O TSXG sinala que este é o seu criterio, aínda que nunha sentenza anterior e recente chegou a unha solución contraria, resultado de analizar as circunstancias particulares dun caso que afecta a parella dunha persona declarada incapaz. Nesa resolución, a sección cuarta da Sala do Contencioso Administrativo eximiu unha muller de inscribirse no rexistro de parellas de feito para xustificar a relación co seu compañeiro sentimental, que foi incapacitado en 2006.

Os maxistrados indicaban que o rexistro foi creado en decembro de 2007, polo que con anterioridade a esa data "a lei non podía esixir a inscrición e poderíase acreditar a unión por outros medios de proba admisibles en dereito". Por iso, acolleu o recurso interposto pola afectada e liberouna de pagar os 130.024 euros que lle reclamaban polo imposto de sucesión e doazóns de bens herdados pola súa parella, falecida en 2010.