CRTVG

Buscar

Os cinco principais partidos de Galicia presentan as súas propostas

Publicado o 15/06/2016 18:24

Cando faltan once días da cita electoral, e tras o debate a catro dos candidatos á presidencia, os partidos con maior representación en Galicia debateron na TVG. Paula Prado (PP), Alexandra Fernández (En Marea), Pilar Cancela (PSOE), María Rey (Ciudadanos) e Carlos Callón (BNG-Nós Candidatura Galega) foron os participantes no único debate preelectoral de Galicia. 

Economía e emprego

Comezou a intervención Alexandra Fernández, facendo referencia ao modelo productivo herdado do PP e do PSOE, para o que dixo que é preciso reindustrializar o país. "Temos moitísimo valor engadido para competir" e "hai que garantir un salario digno mediante a derrogación da reforma laboral do PP e do PSOE". 

Paula Prado retrucoulle á deputada de En Marea que no seu discurso fixera "propostas cero" e só falou de "destruír o que fixo o PP". Prado recoñeceu que "hai que mellorar máis" pero culpou a En Marea de promover a idea de que "os problemas son culpa do Partido Popular" e preguntoulle que que pensan facer polo sector lácteo e pesqueiro dende o partido.

Carlos Callón asegurou que "todas as cifras económicas van polo mesmo camiño". Referíndose á representante do PP, Callón dixo que entendía que "é difícil entender os problemas da xente cobrando 8.000 euros de indemnización sen traballar". O representante do BNG-Nós candidtura galega afirmou que "Galicia vive a vida pobre dun país rico".

Pola súa banda, Pilar Cancela afirmou que "o noso país non pode depender dun sector que está a esmorecer como é o da construción", "tampouco pode sustentarse no sector servizos", e asegurou que "Galicia ten moitas fortalezas" noutros sectores como o naval, o eólico, etc... Referíndose á problemática do mercado de traballo dixo que é preciso "incidir con políticas activas de emprego".

María Rey, dixo que dende Ciudadanos cren que é "preciso un contrato estable que remate coa precariedade laboral", "un complemento salarial que axude ás familias a chegar a fin de mes, un plan de choque para axudar aos parados de longa duración, e evidentemente coidar dos autónomos e rebaixar as sancións que pagan". Na economía a curto prazo, a representante de Ciudadanos asegurou que é preciso: unha "baixada impostos, acabar coa fraude, reverter a amnistía fiscal que asinou o PP, e reformar a administración", e a longo prazo "consolidar a economía do coñecemento". 

Políticas públicas

Carlos Callón dixo que "non pode ser que os galegos paguemos uns impostos que despois se van a Madrid", asegurando que os impostos dos galegos deberían reverterse na sanidade, na educación, pero en Galicia. Asegurou que "hai un rostro galego da desigualdade e hai que ver para ese rostro e buscar solucións". 

Pilar Cancela comezou alegando que "a educación pública e laica é un dos piares básicos do estado de benestar", e asegurou que é necesario derogar a LOMCE. "Temos que asumir a responsabilidade de determinados aspectos que son base do noso estado de benestar, que son a educación e a sanidade pública", que non deben mudar cada vez que haxa un cambio de Goberno, senón que deben permanecer para garantir a estabilidade e a mellora" da vida dos cidadáns. 

Alexandra Fernández situou a raíz do problema dos recortes e da privatización no artigo 135 da Constitución, que "prioriza o pago dunha débeda en lugar de dar gastos e servizos públicos á cidadanía". Asegurou que é preciso modificar ese artigo para poder "dar respostas á emerxencia social".

Paula Prado asegurou que "é preciso un gran pacto pola educación" para evitar que cada vez que cambie o goberno cambie a lei educativa. En materia de demografía o PP propón "axudas á maternidade, ás nais adolescentes, á fiscalidade das familias, baixar dous puntos o IRPF e, sobre todo, a creación de emprego". E engadiu, "nunca se saíu dunha crise cun emprego de calidade, pero para que o emprego sexa de calidade é preciso crear máis emprego". "O crecemento está directamente relacionado co emprego, coa calidade de emprego e a calidade dos servizos públicos".

María Rey asegurou que dende Ciudadanos tamén promoven ese gran pacto en educación, defenden unha sanidade pública e de calidade, unha lei de segunda oportunidade real, investir en dependencia e buscar unha igualdade efectiva e real. "En resumo, propostas e non acordos". 

Modelo de estado 

Carlos Callón referiuse á problemática ao modelo de estado dicindo que dende BNG-Nós Candidatura Galega "recoñecemos que as nacións existen, a nación galega existe e por tanto debería ter ese recoñecemento". "As políticas do PP son criticadas polas persoas falen a lingua que falen". Callón asegurou que "queremos un modelo de estado que garanta a diversidade cultural e nacional que existe no Estado", "un dos nosos empeños é que Galicia teña voz". 

María Rey retrucoulle a Callón as súas afirmacións dicindo que "Galicia ten voz na voz en todos os que estamos aquí, non creo que a voz de Galicia sexa patrimonio do BNG nin tampouco o idioma". En Ciudadanos "queremos pechar o modelo territorial" e que "a administración esté ao servizo dos cidadáns".

Alexandra Fernández asegurou que "vivimos nun proceso lanzado polo PP de recentralización absoluta do Estado", ademais "coas regras do déficit estase a presionar ás comunidades". "Propoñemos aumentar o financiamento económico tendo en conta ás necesidades propias e específicas como o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica". "Cremos que temos que optar por un proceso constituínte para que sexa a cidadanía a que poida decicir que modelo quere a través do seu voto". "Queremos que Galicia teña voz e peso para defender os inetereses dos galegos e galegas".

Pilar Cancela asegurou que, en canto ao modelo do Estado, "quero que Galicia estea no estado español". Dixo que "é preciso abordar unha reforma da Constitución e temos que afondar en cal é o noso modelo, o federal". "Creo que podemos afondar ainda moito máis nas reinvindicación de determinadas competencias para Galicia como a policía autonómica, tráfico, inspección de traballo, etc... Aínda temos marxe para poder reforzar aínda máis a independencia de Galicia". 

Paula Prado asegurou que se sente "tan galega coma española e tan española coma galega, a min ninguén me dá o carné de galega porque o nacionalismo non reparte o carné de galego", e referiuse ás palabras do profesor Montero e comparounas co bipartito, alegando que "algúns queren tanto a súa lingua como un bebé ao que o abrazaron tan forte que case o afogan e o matan de amor". Asegurou que no PP apostan pola unidade do estado e territorial,  e non están de acordo con referendos territoriais e asegura que "se temos que decidir decidirémolo entre todos os españois". 

Pactos

María Rey restoulle importancia a con quen pactar, senón por que facelo, e referiuse ao pacto posterior ao 20-D entre Ciudadanos e PSOE.

Carlos Callón asegurou que o BNG quere "axudar a inclinar a balanza e axudar a pasar páxina", "construír un goberno que teña presente os nosos problemas". 

Alexandra Fernández dixo que En Marea parte da vontade de diálogo. "Estamos dispostos a chegar a un acordo en base a unhas medidas programáticas que vaian en sentido contrario ás políticas do Partido Popular". 

Pilar Cancela asegurou que no PSOE "mantemos a mesma posición ca nese momento (tras o 20-D); queremos ser alternativas ás políticas do PP, non imos facilitar un goberno do PP, non imos pactar nin buscar o apoio das forzas independentistas". "As forzas do cambio temos a man tendida como antes".

Paula Prado apelou "ao voto moderado dos socialdemócratas que non queren un goberno de Podemos para que voten ao PP, porque é o único partido que garante que non vai a pactar en ningún paso con Podemos". "Propoñemos un goberno moderado e non de radicais de esquerdas". "Pido o voto para a xente moderada que quere un goberno moderado". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí
jesus87714 #1
15/06/2016 23:42:16
Vergonza debía de darlles ao dos PP, están a perxudicar ao galego, cada vez menos xente fala galego, menos se dobra e moitas máis cousas. Este ano vai a ir o carallo o feijoo, vamos obloque

Noticias web

15/06/2016