Debate sobre o tratamento da violencia machista nos medios
Quedan escasos minutos para o peche da edición do informativo, ou para a emisión do seguinte boletín. O suceso acaba de se producir e o xornalista elabora o relato apremiado pola necesidade de manter a audiencia informada.
"Esa decisión tómase moi rápido, temos claros cales son os criterios e que debemos facelo con ética, pero ás cométense erros na toma de decisións. Por iso é tan importante tipo de foros", comenta Tania López Lombao, xefa de Programas da CRTVG.
Son dous días de reflexión e autocrítica entre profesionais. A igualdade, din os expertos, é cousa de todos, homes e mulleres, pero nunca de extremos.
"Temos que avanzar na igualdade, no respeto e todos os aspectos fundamentais dunha sociedade moderna, pero tampouco nos podemos instalar no outro extremo", advirte Luis Fernando Ramos, doutor en Dereito e Xornalismo.
Desde a Xunta instan a que os xornalistas recibamos formación continua en materia de xénero. Institucións e medios compartimos unha responsabilidade. Un dos primeiros pasos debe ser erradicar o morbo das noticias que abordan a violencia machista.
"Creo que ás veces si que poñemos titulares grosos, que non aportan moito e que dalgunha maneira sen querelo humillan á muller asasinada", recoñece a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
O congreso, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia, remata este venres con varios coloquios e unha conferencia da presidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial.